Cando Santiago Folgueira Iglesias chegou ao Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI (SIL) traía un obxectivo moi claro, como el mesmo nos explicaba: “a miña prioridade era buscar traballo cando vin aquí”.
Chegou con experiencia laboral superior aos dez anos no sector da construción e agora quería probar noutros sectores e abrirse a novas oportunidades. A súa orientadora laboral, Ana Vázquez, suxeriulle realizar un curso de formación de limpeza que estaba a piques de iniciar. Decidiu inicialo pero deixouno pouco antes de rematar tras saírlle unha oportunidade laboral nun serradoiro no que permaneceu durante tres anos.
Ao rematar este contrato, Santiago volve contactar coa súa orientadora laboral para retomar a busca de emprego e volve apostar por formarse, desta vez iniciou un curso de manexo da carretilla elevadora e tamén como mozo de almacén. Neste período, xorde unha oportunidade laboral no centro especial de emprego COREGAL que Santiago non quere deixar escapar.
Foi seleccionado e xa botou os seus primeiros seis meses nesta empresa de recollida selectiva de residuos. “Estou contento porque a min o traballo en cadea sempre me gustou”, expresa Santiago, quen nos fai unha descrición de que consiste o seu traballo: “estou na máquina que fai as pacas e tamén axudo a apartar o plástico e o cartón. Outras veces vou cos camións a recoller os colectores e a recollida de porta a porta”.
Santiago está contento no seu posto, porque sabe que contribúe ao coidado do medio ambiente, tamén di estar contento cos compañeiros e compañeiras que comparte xornada e agora tamén o está coa noticia que acaba de recibir da empresa, como mesmo di “acabei o contrato de seis meses e dixéronme que me renovan un ano. Estou súper contento”.
Atrás quedan os primeiros días nos que entrou con algo de medo por dedicarse a unha profesión nova pero día a día fíxose co posto e eliminou os nervios iniciais. Dende aquí, este veciño de Vedra lánzanos unha mensaxe moi clara, “ a xente que se anime e non teña medo a buscar traballo, non vos rendades nunca”.