A atención integral centrada na persoa: un modelo que transforma o emprego en COGAMI Empresarial

Crear emprego é importante, pero crear contornas laborais nas que as persoas poidan desenvolver o seu proxecto vital e profesional é un reto aínda maior. Con esta visión, COGAMI Empresarial continúa impulsando a Atención Integral Centrada na Persoa (AICP), un modelo que adapta os seus principios ao ámbito laboral para poñer ás persoas traballadoras no centro das decisións e das políticas da Organización.

A través deste enfoque, o Grupo Empresarial promove unha cultura baseada no respecto á individualidade, á autonomía e á participación das persoas, favorecendo que cada profesional poida desenvolver as súas capacidades nunha contorna laboral inclusiva, accesible e adaptada ás súas necesidades.

A implantación da AICP tradúcese en medidas concretas orientadas a mellorar o benestar laboral, fomentar a igualdade de oportunidades, reforzar a conciliación da vida persoal e profesional e impulsar itinerarios de desenvolvemento adaptados ás expectativas e capacidades de cada persoa traballadora.

Este modelo resulta especialmente relevante nunha organización como COGAMI Empresarial, na que máis do 85 % do persoal ten discapacidade e na que a diversidade forma parte da súa identidade. A AICP permite avanzar cara a unha xestión máis humana e personalizada, recoñecendo as necesidades, motivacións e fortalezas de cada persoa e promovendo a súa participación activa na vida da empresa.

Durante os últimos anos, COGAMI Empresarial vén desenvolvendo diferentes accións para consolidar este modelo de atención, incorporándoo progresivamente ás súas políticas de persoas e aos procesos de acompañamento profesional. Esta aposta reforzouse coa participación no proxecto “A AICP e a Sostibilidade Ambiental: pancas para o mantemento do emprego e fortalecemento”, cofinanciado por FSE+ e impulsado por CEPES, que permite seguir avanzando na consolidación dun modelo empresarial sostible e centrado nas persoas.

Máis aló da creación de postos de traballo, COGAMI Empresarial aposta por construír espazos laborais nos que as persoas se sintan valoradas, escoitadas e protagonistas do seu propio desenvolvemento. Porque a inclusión laboral non consiste só en acceder a un emprego, senón tamén en poder crecer e participar plenamente dentro del.

Galería de imaxes

Todas