A Economía Social que crea valor: empresas competitivas ao servizo das persoas

A Economía Social é unha maneira diferente de facer empresa. Un modelo no que os resultados económicos conviven cun firme compromiso coas persoas, coa inclusión e co desenvolvemento sostible. Ese é o camiño que percorre COGAMI Empresarial desde hai tres décadas, consolidándose como un referente na creación de oportunidades para as persoas con discapacidade.

Durante 2025, as empresas do grupo continuaron demostrando que é posible competir en sectores moi diversos mantendo intactos os valores que definen a Economía Social. A actividade desenvolvida en ámbitos como a economía circular, o transporte adaptado, a comunicación gráfica, a xardinería, a alimentación, o comercio téxtil ou os servizos externalizados xerou impacto económico e social, contribuíndo ao progreso de Galicia.

Con 763 persoas traballadoras, das que o 85 % teñen discapacidade, COGAMI Empresarial consolídase como un dos principais grupos de economía social do territorio, demostrando que a inclusión laboral non só transforma vidas, senón que tamén fortalece ás empresas e achega valor ao conxunto da sociedade.

Este modelo baséase na reinversión do valor xerado para seguir creando emprego, mellorando os servizos, impulsando a innovación e promovendo proxectos que favorecen a sustentabilidade ambiental e a igualdade de oportunidades.

Ao longo do ano, as empresas do grupo continuaron incorporando novas tecnoloxías, reforzando a súa competitividade, renovando certificacións de calidade, desenvolvendo iniciativas de economía circular e ampliando colaboracións con empresas, administracións públicas e entidades sociais. Actuacións que evidencian que a economía social é tamén unha forma de innovar e de responder aos desafíos actuais do mercado.

O impacto de COGAMI Empresarial vai máis aló da actividade económica. Cada posto de traballo creado, cada proxecto impulsado e cada colaboración establecida contribúen a construír unha sociedade máis inclusiva, sostible e cohesionada, na que as persoas ocupan sempre o lugar central.

Porque facer empresa tamén pode ser unha maneira de transformar a realidade. E en COGAMI Empresarial, a economía social é a ferramenta que permite converter ese compromiso en oportunidades reais para centos de persoas e para o conxunto da sociedade.

Galería de imaxes

Todas