Accede Social realiza máis de 85.000 desprazamentos ao ano para facilitar a mobilidade de centos de persoas en Galicia

A mobilidade é un elemento esencial para garantir a igualdade de oportunidades. Poder desprazarse de forma segura e accesible permite acceder a servizos, manter unha vida activa e participar plenamente na sociedade. Con este obxectivo traballa Accede Social, a unidade de negocio de COGAMI Empresarial especializada no transporte adaptado de persoas.

Durante 2025, Accede Social operou 35 rutas diarias en diferentes puntos de Galicia, prestando servizo a persoas usuarias de centros e recursos de atención diúrna. Ao longo do ano, a empresa realizou 85.590 desprazamentos, facilitando a mobilidade de centos de persoas e contribuíndo a mellorar a súa calidade de vida.

A actividade da empresa desenvólvese a través dunha frota de 37 vehículos adaptados, que continúa renovándose e modernizándose para ofrecer un servizo máis eficiente, seguro e sostible. Na actualidade, o 76 % dos vehículos xa cumpre co estándar Euro VI, un dos máis esixentes en materia de redución de emisións contaminantes.

Ademais da súa función social, Accede Social mantén unha firme aposta pola sostibilidade ambiental mediante un plan progresivo de redución da pegada de carbono asociada á prestación dos seus servizos. Esta estratexia complétase coa captación de axudas públicas destinadas á renovación dos vehículos e á mellora continua da súa actividade.

A inclusión tamén forma parte da xestión interna da empresa. Accede Social traballa activamente para favorecer a incorporación de mulleres a postos tradicionalmente masculinizados, como a condución profesional, promovendo unha maior igualdade de oportunidades dentro do sector do transporte.

Con 79 persoas traballadoras, das que preto do 80 % teñen discapacidade, Accede Social demostra cada día que a mobilidade accesible é moito máis ca un servizo de transporte: é unha ferramenta que favorece a autonomía persoal, a inclusión social e a participación activa das persoas na súa contorna.

A través da súa actividade, a empresa contribúe a eliminar barreiras e achegar oportunidades, reforzando o compromiso de COGAMI Empresarial cunha sociedade máis inclusiva e accesible para todas as persoas.

Galería de imaxes

Todas