COGAMI Empresarial vén de participar na feira Expomunicipal cun balance moi positivo, marcado pola xeración de sinerxías, a visibilización do seu modelo de Economía Social e o reforzo do vínculo cos Concellos galegos.
Baixo o lema “Unidas por un propósito común”, o espazo expositivo serviu como punto de encontro para compartir unha visión conxunta: ofrecer solucións eficaces, sostibles e inclusivas para a xestión municipal, xerando un impacto real e positivo no territorio. Esta mensaxe estivo presente ao longo de toda a Feira, tanto no deseño do stand como na interacción coas persoas asistentes.
Cómpre poñer en valor o traballo dos provedores que fixeron posible este espazo, cun deseño a cargo de Costa e a montaxe realizada por Urdime, que contribuíron a crear unha contorna coherente cos valores da entidade e atractivo para os Concellos participantes.
Durante a Feira, COGAMI Empresarial participou tamén no programa de actividades a través da iniciativa Dixardín, coa ponencia “Dixardín: solucións sostibles para a xestión de espazos verdes municipais”, presentada por Pedro Guerreiro, na que se puxo de relevo a importancia da creación e mantemento de espazos verdes como elemento clave para construír comunidades máis saudables e resilientes. Máis información sobre o proxecto pode consultarse na súa páxina web: https://hortosurbanos.deputacionlugo.org/
Así mesmo, destacou a participación de Víctor Silva, director xeral de COGAMI Empresarial, na mesa redonda “A colaboración público-social na prestación de servizos municipais”, organizada pola Dirección Xeral de Economía Social, onde se abordaron cuestións clave sobre a colaboración público-social e o papel das entidades da Economía Social na mellora dos servizos municipais.
O stand de COGAMI Empresarial converteuse nun espazo dinámico de reflexión e participación, no que se promoveu a interacción cos Concellos a través da proposta “Tecendo redes”. Esta iniciativa convidaba ás persoas asistentes a identificar necesidades e oportunidades de colaboración, xerando un mapa colectivo de accións orientadas á sostibilidade ambiental, social e económica.
A través desta presenza, púxose en valor a capacidade do grupo para ofrecer unha resposta integral ás necesidades das Administracións locais: desde a xestión de residuos e a economía circular, ata a creación e mantemento de espazos naturais, a prestación de servizos externalizados ou a produción de solucións de comunicación e merchandising sostible.
Con máis de 30 anos de experiencia traballando coas Administracións públicas, un equipo no que o 86% das persoas son persoas con discapacidade e unha rede que supera as 700 persoas traballadoras, COGAMI Empresarial reafirma o seu compromiso coa xeración de emprego de calidade, a inclusión social e o desenvolvemento sostible.
A participación en Expomunicipal permitiu, en definitiva, seguir achegando os seus servizos aos Concellos galegos, consolidando relacións e abrindo novas vías de colaboración para avanzar cara a unha xestión municipal máis eficiente, inclusiva e respectuosa co medio ambiente.