Coregal, empresa especializada na xestión de residuos de COGAMI Empresarial, colabora por segundo ano co Compostela Street Festival para promover a sensibilización ambiental a través da cultura urbana e o deporte. Baixo o lema “Faite parte: síguenos o rollo”, a iniciativa busca implicar a mocidade e as familias na correcta separación dos residuos, na súa reciclaxe e na importancia de reducir a cantidade de refugallos que xeramos.
Un dos elementos máis visibles desta colaboración é a intervención artística dos colectores de Coregal, realizada polo grafiteiro e muralista Yoe 33, cofundador de Concepto Circo, estudo profesional de muralismo con sede en Lugo. A través da arte urbana, os colectores intégranse na estética do festival e convértense nun recurso para achegar a mensaxe ambiental ás persoas asistentes.
A participación de Coregal no Compostela Street Festival responde ao compromiso da empresa coa concienciación cidadá sobre a xestión responsable dos residuos. O obxectivo é promover unha reflexión colectiva sobre a necesidade de reducir os residuos que producimos e avanzar cara a un modelo máis circular.
Neste sentido, o festival constitúe un espazo de encontro co público no que conectar a sostibilidade con disciplinas culturais e deportivas que espertan o interese da cidadanía, especialmente das persoas máis novas. A colaboración permite así sumar a mensaxe ambiental a unha proposta que achega a Santiago de Compostela a cultura urbana e o deporte de acción.
Esta iniciativa conta, un ano máis, co financiamento do Fondo Social Europeo, a través da convocatoria da Confederación Empresarial Española de Economía Social (CEPES).