Santiago de Compostela volveu acoller esta fin de semana unha nova edición do Compostela Street Festival, un dos eventos de cultura urbana e deportes extremos con maior repercusión a nivel nacional. E un ano máis, Coregal colaborou neste encontro promovendo a sensibilización ambiental entre as persoas asistentes.
O festival, que combina cultura urbana, deportes de acción, música e arte, é unha oportunidade para achegar á mocidade mensaxes sobre a importancia da reciclaxe, a correcta separación dos residuos, a economía circular e o coidado do medio ambiente.
Baixo o lema “Faite parte: síguenos o rollo”, Coregal desenvolveu unha iniciativa para concienciar sobre a separación de residuos e integrar a sustentabilidade na propia identidade do festival. Para iso, apostou pola arte urbana coa colaboración do grafiteiro e muralista Yoe 33, cofundador de Concepto Circo, o primeiro estudo e empresa de muralismo profesional de Lugo. O artista encargouse de embelecer os colectores distribuídos por diferentes puntos do recinto, converténdoos en elementos de expresión artística e sensibilización ambiental.
Como empresa especializada na xestión de residuos, Coregal traballa para fomentar hábitos responsables entre a poboación, promovendo a correcta identificación e separación de cada residuo para facilitar a súa reciclaxe e reaproveitamento. A súa labor tamén se centra na concienciación sobre a cantidade de residuos que xeramos e na necesidade de reducir o seu volume mediante o compromiso colectivo.
A colaboración de Coregal no Compostela Street Festival contou co financiamento do Fondo Social Europeo, a través da convocatoria da Confederación Empresarial Española de Economía Social (CEPES).