Dixardín converte os Hortos Urbanos de Lugo nun espazo de encontro entre linguas, literatura e natureza

Dixardín continúa ampliando os usos dos Hortos Urbanos de Lugo como espazo de encontro, aprendizaxe e participación cidadá. Con motivo do Día Europeo das Linguas, este espazo situado no paseo do río Rato acolleu un pícnic literario organizado en colaboración coa Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Lugo, no que literatura, natureza e diversidade cultural se deron cita.

A actividade serviu tamén para dar a coñecer os Hortos Urbanos entre a comunidade educativa da EOI e converter este espazo natural nun punto de encontro para compartir experiencias e celebrar a diversidade lingüística e cultural.

A xornada incluíu a lectura de textos en oito linguas das que se imparten na Escola Oficial de Idiomas de Lugo: alemán, chinés, español para estranxeiros, francés, galego, inglés, italiano e portugués. Tras as lecturas, as persoas participantes compartiron diferentes petiscos de carácter multicultural, nun encontro pensado para favorecer a convivencia e o intercambio entre culturas.

A programación completouse coa exposición “Máscaras e linguas. Identidades compartidas”, unha proposta que realiza unha viaxe polos cinco continentes a través da colección Janeiro e que achega diferentes perspectivas sobre a diversidade cultural e lingüística.

Un espazo para cultivar e compartir

Dixardín iniciou en xuño de 2024 o proxecto Hortos Urbanos no paseo do río Rato de Lugo, unha iniciativa liderada pola Deputación de Lugo que pon á disposición da veciñanza 150 parcelas de 30 metros cadrados para o cultivo e coidado da terra.

Ademais de favorecer o contacto coa natureza e a práctica dunha agricultura natural e sostible, os Hortos Urbanos están concibidos como un punto de encontro para a veciñanza e un espazo de aprendizaxe e participación.

Neste marco, Dixardín desenvolve obradoiros educativos prácticos relacionados co mantemento dos hortos, o uso de sementes tradicionais ou a reciclaxe, así como actividades centradas na redución e reutilización de residuos.

A estes contidos súmanse outras propostas de carácter cultural e social, como o pícnic literario celebrado esta fin de semana, que contribúen a ampliar os usos dos Hortos Urbanos e reforzar o seu carácter comunitario.

Deste xeito, os Hortos Urbanos de Dixardín configúranse como un espazo no que o coidado da terra convive con actividades educativas, culturais e de participación social, favorecendo o encontro entre persoas e o intercambio de coñecementos e experiencias.

Galería de imaxes

Todas