Coidar os espazos verdes é tamén coidar das persoas. Baixo esta premisa, Dixardín, a unidade de negocio de COGAMI Empresarial especializada en xardinería, paisaxismo e mantemento de espazos verdes, continuou reforzando durante 2025 o seu compromiso coa protección da contorna, a mellora da calidade de vida e a creación de oportunidades laborais para as persoas con discapacidade.
Ao longo do ano, a empresa desenvolveu a súa actividade desde os seus catro centros de traballo situados en Ames, Arzúa, Carballo e Outes, mantendo case 700.000 metros cadrados de superficie e contando cun equipo formado por 67 persoas traballadoras, das que o 76,12 % teñen discapacidade.
O exercicio estivo marcado por importantes proxectos ambientais. Entre eles destaca a actuación desenvolvida no Monte Viso, en Santiago de Compostela, en colaboración coa Fundación Biodiversidad e o Concello de Santiago, que incluíu a instalación de hoteis para insectos, caixas niño para aves e accións de sensibilización ambiental orientadas á conservación da biodiversidade. A esta iniciativa sumáronse actividades de plantación con centros educativos, fomentando desde idades temperás o respecto e o coidado da natureza.
O traballo realizado por Dixardín tamén obtivo un importante recoñecemento externo. Xunto co Concello de Carballo, a empresa recibiu o Premio Nacional PARJAP na categoría de municipios de menos de 50.000 habitantes e revalidou as 4 Flores de Honra do certame Vilas en Flor, uns galardóns que poñen en valor a calidade da xestión dos espazos verdes e a aposta pola vexetación autóctona.
Durante 2025, Dixardín participou ademais en eventos como BioCultura, onde deu a coñecer a experiencia dos Hortos Urbanos de Lugo, e colaborou no Compostela Street 2025, achegando ornamentación vexetal aos espazos nos que se desenvolveron as diferentes disciplinas deportivas.
A mellora continua segue sendo outro dos sinais de identidade da empresa. A renovación de maquinaria de batería para reducir o ruído e as emisións, a formación especializada do persoal e a colaboración con centros de Formación Profesional para favorecer as prácticas do alumnado reforzan un modelo de traballo que aposta pola innovación e pola excelencia nos servizos.
Con certificacións ISO 9001 e ISO 14001, Dixardín continúa demostrando que é posible compatibilizar o coidado da contorna coa creación de emprego inclusivo, contribuíndo a facer de Galicia un territorio máis verde, accesible e sostible.