Mirando ao futuro: o compromiso de seguir creando oportunidades

Cada logro acadado representa un novo punto de partida. Esa é a visión coa que COGAMI Empresarial pechou 2025, un exercicio no que as empresas do grupo consolidaron o seu crecemento, impulsaron novos proxectos e continuaron demostrando que é posible combinar competitividade empresarial, innovación, sustentabilidade e inclusión social.

A publicación da Memoria de Sustentabilidade 2025 recolle os principais avances do grupo durante o último ano, pero tamén reflicte unha forma de entender o futuro: continuar evolucionando para responder aos novos retos sociais, económicos e ambientais sen perder de vista ás persoas.

O fortalecemento das empresas do grupo, a incorporación de novas tecnoloxías, a mellora continua dos procesos, a aposta pola formación, a creación de alianzas estratéxicas e o impulso da economía circular son algunhas das liñas de traballo que seguirán marcando o camiño de COGAMI Empresarial nos próximos anos.

Este compromiso tradúcese tamén na vontade de continuar creando emprego de calidade para as persoas con discapacidade, favorecendo a súa inclusión laboral e demostrando que a diversidade é un factor que enriquece ás organizacións e fortalece o tecido empresarial.

Os retos son numerosos: avanzar na transformación dixital, consolidar modelos produtivos cada vez máis sostibles, reforzar a innovación e seguir ampliando a colaboración con empresas, administracións públicas e entidades sociais. Desafíos que COGAMI Empresarial afronta desde a experiencia acumulada durante máis de trinta anos e coa confianza de quen sabe que o traballo compartido multiplica os resultados.

Con 763 persoas traballadoras, das que o 85 % teñen discapacidade, o grupo continúa demostrando que a economía social é unha ferramenta eficaz para construír empresas competitivas e, ao mesmo tempo, xerar impacto positivo na sociedade.

Porque o futuro de COGAMI Empresarial non se mide só en cifras. Mídese nas oportunidades que crea, nas persoas que acompañan este proxecto e na capacidade de seguir transformando realidades a través do emprego, da innovación e do compromiso social.

Mirar ao futuro significa seguir avanzando. E COGAMI Empresarial continuará facéndoo coa mesma vocación que a define desde hai 30 anos: crear oportunidades para construír unha sociedade máis inclusiva, sostible e chea de posibilidades para todas as persoas.

Galería de imaxes

Todas