Cando se fala dun Centro Especial de Emprego (CEE), moitas persoas pensan unicamente nun recurso destinado á contratación de persoas con discapacidade. Porén, a súa función vai moito máis alá. Os CEE son empresas que compiten no mercado en igualdade de condicións, ofrecendo produtos e servizos de calidade, ao tempo que xeran oportunidades de emprego para persoas que, con frecuencia, atopan maiores dificultades para acceder ao mercado laboral ordinario.
Este é o modelo polo que aposta COGAMI Empresarial desde hai máis de tres décadas. A través das súas empresas, desenvolve actividade en sectores tan diversos como a economía circular, a alimentación, a comunicación gráfica, a xardinería, o transporte adaptado, o comercio téxtil ou os servizos externalizados, demostrando que inclusión e competitividade poden avanzar da man.
Os Centros Especiais de Emprego teñen como principal finalidade facilitar a inclusión laboral das persoas con discapacidade mediante un emprego remunerado e adaptado ás súas capacidades, promovendo ao mesmo tempo o seu desenvolvemento profesional e persoal. Ademais, constitúen unha ponte cara ao emprego ordinario para aquelas persoas que desexan continuar o seu itinerario laboral.
No caso de COGAMI Empresarial, este modelo tradúcese en datos que reflicten o seu impacto. Durante 2025, o grupo contou con 763 persoas traballadoras, das que o 85 % teñen discapacidade, consolidándose como un dos principais referentes da economía social en Galicia.
Pero o valor dun Centro Especial de Emprego non se mide só polo número de empregos que crea. Mídese tamén pola súa capacidade para innovar, ofrecer servizos competitivos, impulsar a sustentabilidade, colaborar co tecido empresarial e contribuír ao desenvolvemento económico do territorio.
A experiencia de COGAMI Empresarial demostra que apostar pola diversidade fortalece ás organizacións. As persoas son o principal motor das empresas e a inclusión convértese nunha vantaxe competitiva que achega compromiso, talento e novas perspectivas.
Cada proxecto desenvolvido por COGAMI Empresarial confirma que un Centro Especial de Emprego pode ser moito máis que un lugar de traballo: pode ser un espazo no que as persoas medran profesionalmente, as empresas xeran valor e a sociedade avanza cara a un modelo máis xusto e inclusivo.
Porque cando se eliminan barreiras e se crean oportunidades, gañan as persoas, gañan as empresas e gaña toda a sociedade.