O 3 de maio, Día Nacional da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, COGAMI e COCEMFE recalcan a necesidade de reforzar o cumprimento efectivo deste tratado internacional, coincidindo co 20 aniversario da súa aprobación por Nacións Unidas. Poñen o foco no artigo 4 da Convención, que establece as obrigas xerais dos Estados parte e constitúe o fundamento xurídico que articula o conxunto de dereitos recoñecidos. Entre estas obrigas está a adopción de medidas lexislativas e administrativas, a garantía efectiva dos dereitos, a incorporación transversal da discapacidade nas políticas públicas, ou a colaboración coas organizacións representativas.
Malia que nestas dúas décadas producíronse avances significativos no recoñecemento e desenvolvemento de dereitos, o cumprimento da Convención segue sendo un reto estrutural que require unha acción continua por parte das administracións públicas. É necesario consolidar un enfoque baseado en dereitos, que garanta a igualdade real e efectiva das persoas con discapacidade física e orgánica en todos os ámbitos.
COGAMI e COCEMFE poñen en valor o papel do Movemento Asociativo da discapacidade física e orgánica, que durante estes anos contribuíu de xeito decisivo ao impulso, seguimento e avaliación da Convención, consolidándose como un interlocutor estratéxico ante as institucións.
COGAMI, como entidade membro de COCEMFE, únese á campaña lanzada baixo o lema “A Convención cumpre. Cumpre a Convención” co cancelo #CumpleLaConvencion, buscando xerar reflexión pública e institucional en torno ao grao de cumprimento do tratado. A través do convite dun aniversario, a campaña planifica unha invitación directa ás administracións públicas para conmemorar os 20 anos da Convención como un compromiso activo do seu cumprimento.