A Deputación de Ourense colabora con AGL tras aprobar unha subvención de 10.000 € para apoiar o desenvolvemento deste programa, dentro da convocatoria para entidades sociais sen ánimo de lucro, para proxectos de carácter social.
A Asociación Galega de Linfedema, Lipedema e Insuficiencia Venosa Crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (AGL) está a desenvolver durante este ano o Servicio de fisioterapia para persoas con linfedema e lipedema en toda Galicia, das que 22 persoas tratadas por este servizo, son da provincia de Ourense.
O programa, que ten por obxectivo reducir os efectos incapacitantes destas patoloxías e sensibilizar sobre a problemática asociada, consta de dúas sesións mensuais de tratamento de mantemento, denominado drenaxe linfático manual.
Tanto o linfedema como o lipedema, hoxe en día, son "enfermidades crónicas infratratadas e infradiagnosticadas que, en caso de non recibir o correcto tratamento, poden dar lugar a un empeoramento grave e irreversible na saúde da persoa afectando a todos os ámbitos da súa vida", informan dende AGL.
O tratamento conservador é imprescindible para estas patoloxías e deben intervir diferentes áreas: nutrición, psicoloxía, cirurxía vascular, rehabilitación, dermatoloxía, prendas de compresión, exercicio e fisioterapia (parte imprescindible, demostrada con evidencia científica).
Dende AGL levan anos desenvolvendo este programa que consiste na realización de dúas sesións de drenaxe linfático manual ao mes, ao longo de todo o ano e realizado por profesionais especializados.
Deste xeito, conséguese que a enfermidade se manteña e non empeore facilitando así a mobilidade, evitando infeccións e a aparición de problemas asociados á falta de tratamento.