Co fin de mellorar os seus programas e servizos, a Asociación AGORA de Persoas con Discapacidade da Comarca de Lemos, entidade que forma parte de COGAMI, ten en marcha un programa de respiro familiar que consiste nunha actividade de lecer que inclúe saídas, visitas culturais, convivencia e paseos.
Nesta ocasión, a entidade desprazouse ata a localidade de Ponferrada de Cubillos del Sil onde visitaron as instalacións de El bosque de los sueños. Ata alí acudiu un grupo de 18 persoas usuarias e 12 persoas traballadoras do centro de día e das dúas vivendas tuteladas que a entidade ten en Monforte de Lemos. Serán tres días de convivencia na zona, onde compartirán diferentes actividades culturais e de lecer.
Entre a programación de actividades preparadas están acudir ás piscinas municipais, totalmente accesibles a persoas con mobilidade reducida, visitar o museo da radio Luis del Olmo ademais do de electricidade e realizar paseos tanto por Cubillos do Sil como por Ponferrada.
Segundo indica o presidente de Asociación AGORA, Isaac Rodríguez González, “todas as persoas teñen dereito a gozar de actividades de lecer pero, no caso das persoas con discapacidade, teñen dificultade en atopar espazos que reúnan as condicións de accesibilidade, máis aínda cando se trata de grupos”. Por este motivo, a entidade trata de organizar todos os anos este programa de respiro, con obxectivo de garantir que todas as persoas participantes poidan ter un período de vacacións entre iguais e garantindo a accesibilidade nas actividades que se desenvolvan.