A Asociación AGORA incorpora un novo vehículo adaptado para mellorar a mobilidade das persoas con discapacidade en Monforte

A adquisición, financiada con fondos do 0,7 % do IRPF, permitirá facilitar os desprazamentos desde o centro de atención diúrna e as vivendas tuteladas da entidade

A Asociación AGORA de Persoas con Discapacidade da Comarca de Lemos vén de incorporar un novo vehículo á súa flota de transporte, destinado a facilitar os desprazamentos das persoas que participan nos servizos do centro de atención diúrna e das vivendas tuteladas que a entidade xestiona en Monforte de Lemos.

Trátase dun Volkswagen Caddy Maxi 2.0 DSG de seis prazas, que permitirá mellorar as necesidades de mobilidade das persoas do centro e vivendas, facilitando o seu acceso a actividades, servizos e recursos da comunidade.

A adquisición deste vehículo foi posible grazas aos fondos procedentes do 0,7 % do IRPF, recadados a través das achegas das persoas contribuíntes que marcaron o recadro 106, correspondente ás Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social, coñecida como X Solidaria. Estes fondos, xestionados pola Xunta de Galicia, permiten financiar proxectos que contribúen á mellora dos servizos e equipamentos das entidades do terceiro sector.

A incorporación do novo vehículo realizouse, ademais, a través de CUALICAR, un centro especial de emprego de COGAMI Empresarial, contribuíndo deste xeito ao apoio de iniciativas empresariais que favorecen a inclusión laboral das persoas con discapacidade.

Máis seguridade, accesibilidade e autonomía

A nova incorporación permitirá mellorar as condicións de seguridade, accesibilidade e confort durante os desprazamentos, ao tempo que favorecerá a autonomía persoal e a participación social das persoas con discapacidade.

Contar cun vehículo propio e adaptado ás necesidades do servizo facilita tamén o traballo dos profesionais responsables do acompañamento e transporte, permitindo ofrecer unha atención máis axustada ás necesidades de cada persoa.

Con esta actuación, AGORA continúa avanzando na modernización dos seus recursos e na adaptación dos seus servizos, reforzando o seu compromiso coa accesibilidade, a autonomía persoal, a inclusión social e a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade na comarca de Lemos.

Galería de imaxes

Todas