O próximo sábado, 28 de xuño, ás 15:30 horas, a Casa da Cultura de Xinzo de Limia converterase no escenario da terceira edición do torneo “Xaque ó Emérito”, unha iniciativa que combina deporte, igualdade e convivencia arredor do xadrez.
Aberto a persoas de todas as idades, o torneo igualitario de xadrez contará cunha categoría infantil (a partir dos 6 anos) e outra para persoas adultas. Establécense premios para as tres primeiras posicións en ambas categorías:
1º posto: vale de 200€ + trofeo
2º posto: vale de 100€ + trofeo
3º posto: vale de 50€ + trofeo
A inscrición require un donativo de 3€ para persoas adultas e 2€ para o público infantil, que será destinado a fins sociais. O prazo para anotarse remata o 26 de xuño e as persoas interesadas poden solicitar máis información ou anotarse chamando ao teléfono 648 678 515.
A organización do evento corre a cargo da asociación Algaria, en colaboración coa Deputación de Ourense, o Concello de Xinzo de Limia, a Asociación Cultural Nós Mesmas e unha ampla rede de entidades colaboradoras que apoian esta proposta.
Con esta actividade, Xaque ó Emérito busca consolidarse como unha cita destacada no calendario cultural e deportivo da comarca, promovendo valores de igualdade, inclusión e pensamento estratéxico a través do xogo do xadrez.