A asociación Algaria obtén o recoñecemento de Utilidade Pública

A asociación Algaria obtén o recoñecemento de Utilidade Pública

A asociación Algaria de Xinzo de Limia foi declarada de Utilidade Pública pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes segundo recolle a ORDE do 20 de xaneiro de 2025 que sae publicada no DOGA do 3 de febreiro de 2025. Este recoñecemento chega despois dunha longa fase previa de solicitude, presentación de documentación e tramitación administrativa.

Algaria constituíuse o 17 de xuño de 2010 co obxectivo de ofrecer servizos para mellorar a autonomía das persoas con discapacidade e familias da comarca da Limia. O presidente da entidade, Óscar Pena, expresa “estamos moi ilusionados e agardamos que nos dea bos resultados a partir de agora”. 

As entidades declaradas de Utilidade Pública poden facer uso desta mención e acceder a exencións e beneficios fiscais, ademais de ter máis facilidades para obter subvencións e recibir doazóns con incentivos fiscais para os seus doantes. Como contrapartida, as entidades deben levar unha contabilidade transparente, presentar anualmente unha memoria de actividades e un balance económico.