A Asociación Galega de Fibrose Quística reclama máis apoio en saúde mental para atender ás necesidades de pacientes e familias

A Asociación Galega de Fibrose Quística reclama máis apoio en saúde mental para atender ás necesidades de pacientes e familias

Co gallo do Día Nacional da Fibrose Quística, o 24 de abril, a Asociación Galega de Fibrose Quística (AGFQ) reclama máis apoio para a saúde mental, por ser un piar fundamental na saúde xeral das persoas que teñen esta patoloxía e as súas familias, por considerar que teñen maior risco de padecer síntomas de ansiedade e depresión debido aos requirimentos da enfermidade.

Baixo o lema A saúde mental: unha viaxe colectiva,  AGFQ fai fincapé en que un bo coidado psicolóxico e social é fundamental para previr dificultades que poderían afectar á calidade de vida da persoa con fibrose quística, ás súas relacións sociais e mesmo ao curso da súa enfermidade por unha peor adherencia ao tratamento. O presidente da AGFQ, Juan Da Silva, sinala como fundamental “que as unidades hospitalarias conten con profesionais adecuados para atender ás persoas con esta patoloxía en todas as facetas da súa enfermidade, incluída a saúde mental”.

O traballo, a educación, a adaptación familiar, situacións de crises ou cambios son unha ampla variedade de preocupacións e necesidades de saúde mental na poboación de fibrose quística. A intervención psicolóxica pode ser un sustento para previr futuras dificultades e fortalecer os recursos persoais e familiares en momentos de maior vulnerabilidade. O acceso a profesionais da psicoloxía, tanto nas unidades hospitalarias como nas asociacións é a maneira máis eficaz de abordar e previr problemas de saúde mental e benestar no colectivo.

“É indispensable contar con máis recursos que poidan dar soporte e continuidade ao noso movemento asociativo, que en moitos casos vese obrigado a actuar como provedor de servizos ás persoas con fibrose quística e as súas familias alá onde a administración non chega, impulsando servizos de apoio psicolóxico”, apunta Juan Da Silva.

A Fibrose Quística é unha das enfermidades xenéticas graves máis frecuentes e estímase unha incidencia no noso país ao redor dun de cada 5.000 nacementos, mentres que unha de cada 35 persoas son portadoras da enfermidade. Trátase dunha enfermidade crónica de orixe xenética que afecta a diferentes órganos, especialmente ao sistema respiratorio e ao sistema dixestivo.