A Deputación da Coruña destaca o labor de intermediación laboral de COGAMI durante a visita ás súas instalacións

 A Deputación da Coruña destaca o labor de intermediación laboral de COGAMI durante a visita ás súas instalacións

O vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, a coordinadora de Áreas, Charo Lema, e o coordinador de COGAMI en A Coruña, Roberto Camba, recibiron á deputada de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, durante a visita que fixo ás instalacións que ten COGAMI na cidade coruñesa, espazo cedido pola Deputación no edificio administrativo da Milagrosa.

Durante esta visita, fíxose balance do convenio asinado entre ambas institucións para o desenvolvemento do proxecto Servizo de Intermediación Laboral 2023, de accións encamiñadas á mellora da inserción laboral entre o colectivo de persoas con discapacidade na provincia da Coruña. Mediante este convenio, a entidade provincial comprometeuse a aportar 105.000 euros, o que supón un 22,54% do orzamento total do proxecto.

A Deputada Provincial subliñou a "a importante labor social de integración que realiza COGAMI ano a ano, ofrecendo unha saída laboral e diferentes oportunidades formativas e informativas ás persoas con discapacidade".

Dende COGAMI presentáronlla a Rosa Ana García datos que presenta a área de Emprego, que conta cunha bolsa de 8.059 persoas con discapacidade inscritas en toda a provincia. A través deste servizo realízanse entrevistas de orientación e asesoramento laboral, intermediación laboral, xestión de ofertas de emprego, formación, seguimentos das persoas xa inseridas, ademais de itinerarios personalizados para a promoción da activación de busca de emprego.

Dentro das accións de inserción laboral das persoas con discapacidade, cabe destacar que desde o ano 1996 conseguiu que preto de 44.000 persoas con discapacidade atopasen emprego no territorio galego e no ano 2022 lográronse asinar un total de 901 contratos na provincia.