A Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia venosa crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (AGL) continuou ao longo do pasado 2023 co programa de fisioterapia na provincia de A Coruña do que se benefician unhas 30 persoas con estas patololoxías.
Este programa de fisioterapia especializada está confinanciado pola Deputación de A Coruña nun 80% sobre o proxecto concedido a través da convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o mantemento de programas sociosanitarios durante o ano 2023 (FOCVAA) cun importe de 14.628,71€..
A fisioterapia ten por finalidade mellorar as capacidades e facilitar a autonomía das persoas. Actualmente, este programa desenvólvese en 6 clínicas especializadas dos concellos de A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Culleredo e Carballo. Dende AGL apuntan que, “para evitar que a enfermidade empeore e se sinta agravada, a fisioterapia especializada resulta ser o tratamento máis eficaz”.
A día de hoxe a sanidade pública galega non conta cos recursos suficientes para ofrecer este servizo a todas as persoas afectadas destas patoloxías, tendo que recibilo de maneira privada, sen poder ser asumido o seu custo por todas as persoas. Por este motivo, a asociación AGL decidiu poñer en marcha no ano 2015 este programa, e agarda que se manteña no tempo por ser, xunto coas medidas de compresión, a maneira máis eficaz para tratar o linfedema e lipedema.