A Deputación de Ourense mantén o seu compromiso coa inserción laboral das persoas con discapacidade a través da colaboración que mantén co Servizo de Intermediación, Orientación e Prospección de Emprego (SIL) que COGAMI ten na provincia.
O obxectivo deste apoio é promover a igualdade de oportunidades no acceso ao emprego das persoas con discapacidade mediante a realización de accións encamiñadas a facilitar a inserción social e laboral. Algunhas destas accións son a entrevista ocupacional, a información, orientación e asesoramento laboral, a intervención social complementaria traballando coa contorna social da persoa, a intermediación laboral a través da análise do tecido empresarial, a xestión de ofertas de emprego e o seguimento das persoas que xa foron inseridas no mercado laboral.
Durante o ano 2023, COGAMI conseguiu que se asinaren 289 contratos laborais na provincia de Ourense, e a base de datos do servizo rexistraba a finais de ano un total de 2.080 persoas con discapacidade inscritas. Estes datos reflicten a importancia do traballo desenvolvido polo servizo para mellorar a empregabilidade e a inserción laboral na provincia das persoas con discapacidade.