A entidade AGL organizou a segunda ruta fluvial Dragon Boat en Pontecesures

Máis de sesenta mulleres participaron na II Ruta Fluvial Dragon Boat organizada pola entidade AGL e o Club Náutico de Pontecesures polo río Ulla. Chegadas de diferentes puntos de toda Galicia, esta competición significa máis que deporte, converténdose nunha xornada de saúde, solidariedade e convivencia.

Co lema “Padexamos xuntas pola vida, pola superación e pola esperanza”, este evento está especialmente dirixido a persoas con linfedema, mulleres superviventes de cancro de mama e outras mulleres que desexen participar nesta experiencia de deporte e apoio mutuo. 

Foron catro dragon boats os que partiron ás 10:30 horas dende o peirao de Pontecesures escoltados por palistas do Club Náutico de Pontecesures para recorrer varios quilómetros do río.

O Dragon Boat é unha modalidade deportiva que, ademais de fomentar o exercicio físico e o traballo en equipo, se emprega en programas de recuperación e actividade física para mulleres operadas de cancro de mama. A súa práctica pode contribuír á recuperación da forza, á capacidade funcional e ao benestar emocional, sempre adaptándose ás necesidades de cada participante e ás indicacións dos profesionais sanitarios. 

Colaboración institucional 

A II Edición da Ruta Fluvial Dragon Boat polo río Ulla conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través de Deporte Galego, do Club Náutico Pontecesures e do Concello de Pontecesures. 

Galería de imaxes

Todas