O primeiro mércores do mes de xuño, cada ano as entidades Alcer Coruña, Alcer Lugo, Alcer Ourense, Alcer Pontevedra e a Federación Alcer Galicia únense para organizar actos de sensibilización e reivindicación polo Día do Doante de Órganos e Tecidos, data que pretende homenaxear a doantes e ás súas familias.
Baixo o lema “Suma vida, multiplica vidas”, a través desta data preténdese sensibilizar á sociedade sobre a vital importancia a favor da doazón de órganos para todas as persoas que están á espera dun transplante. A doazón dun órgano ofrece vida á persoa que o necesita e, ademais, esa persoa doante multiplica a vida de ata 8 persoas en lista de espera para un transplante de órganos.
En Galicia chegouse á cifra de 10.000 transplantes realizados que foron favorecidos por 3.000 persoas que decidiron doar os seus órganos a favor doutras. En 2023 incrementou nun 7% o número de doantes falecidos e nun 24% o número de doantes vivos. Pese a estes datos positivos, aínda persiste un importante número de pacientes en lista de espera, máis de 4.700 a nivel estatal. Dende ALCER expresan que coa doazón de órganos e tecidos pódense multiplicar vidas e a solidariedade significa un antes e un despois na vida doutras persoas.
ACTOS ORGANIZADOS PARA ESTA DATA
Ademais da colocación de mesas informativas sobre a importancia da doazón, durante este ano están preparadas diferentes charlas e intervencións nas que participarán profesionais da sanidade:
En A Coruña, no 4º andar do CHUAC, ás 12:30 horas o doutor Rivera, especialista en nefroloxía, falará sobre Por que tardo tantos anos en ser chamado para transplante? Estará acompañado dunha persoa á espera do seu terceiro transplante.
En Santiago, o salón de actos do CHUS, ás 13 horas, acollerá a charla sobre A doazón, acto altruísta e solidario. As instrucións previas na que participarán a xefa do servizo de Traballo Social, Ana Guillén, e maila coordinadora de transplantes, a doutora Carmen Rivero.
No Hospital Provincial de Pontevedra, no salón de actos falarase sobre O Transplante de doante vivo, charla que impartirá ás 11 horas a doutora Luz Mª Cuiña, xefa de nefroloxía, quen estará acompañada dunha persoa transplantada dun doante vivo.
En Ourense, o Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá ás 20 horas unha charla sobre a Xenerosidade que salva vidas, na que participará a xefa de nefroloxía do CHOU, Cristina Pérez, e mailo coordinador de transplantes, Jesús Priego, e contará coa participación dunha persoa transplantada e en hemodiálise.
O Salón de Actos do Colexio Oficial de Médicos de Lugo é o lugar no que se vai impartir a charla sobre Doazón de órganos: unha fonte de vida e esperanza. Será ás 18 horas a cargo do doutor Miguel Ángel Fernández, médico da Unidade de Coidados Intensivos e Coordinador de transplantes no HULA. Estará acompañado dunha persoa con enfermidade renal crónica.