A entidade A Mariña COGAMI executará o proxecto Enerxía renovable para un calor responsable (A Mariña), financiado a través dos fondos 0,7 % do IRPF que asigna la Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia a través da convocatoria de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social.
Esta actuación beneficiará a 139 persoas socias da entidade e ás persoas que participan nos distintos servizos e actividades que se desenvolven no centro de atención diúrna para persoas con discapacidade de Palmeiro, situado no concello de Xove.
O proxecto ten como finalidade mellorar a eficiencia enerxética das instalacións do servizo de atención diúrna da entidade, mediante a substitución do actual sistema de calefacción e produción de auga quente sanitaria baseado en gasóleo por unha solución sustentada en enerxías renovables. Para iso, prevese a instalación dun sistema de aerotermia de alta eficiencia e dunha instalación fotovoltaica para autoconsumo, contribuíndo á redución do consumo enerxético e das emisións contaminantes asociadas ao funcionamento do centro.
A execución das actuacións está prevista para este mes de outubro, unha vez completados os trámites previos necesarios para a súa posta en marcha. O proxecto permitirá avanzar cara a un modelo de xestión máis sostible, reducindo a dependencia dos combustibles fósiles e mellorando a eficiencia enerxética dun edificio que presta servizo a persoas con discapacidade física e orgánica da comarca.