O delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera, visitou as instalacións que COGAMI ten en Pontevedra con motivo do desenvolvemento do seu Plan Integrado de Emprego (PIE), unha iniciativa orientada á mellora da empregabilidade das persoas participantes.
Este programa, cunha duración de 12 meses e financiado pola Xunta de Galicia, permite o seguimento individualizado e a formación dun grupo de 100 persoas desempregadas con discapacidade en toda Galicia, das cales 35 pertencen á provincia de Pontevedra e o resto á da Coruña. O seu obxectivo é facilitar a súa inserción no mercado laboral, especialmente no caso de colectivos con maiores dificultades de acceso ao emprego.
Durante a visita, Agustín Reguera puxo en valor "o compromiso e a implicación da entidade no desenvolvemento de políticas activas de emprego, contribuíndo a xerar oportunidades reais para as persoas con discapacidade". Pola súa banda, o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, expresou o éxito deste Plan Integrado que durante o ano pasado acadou o 49 % de inserción das persoas participantes.
O Programa Integrado de Emprego, actualmente en marcha, xa conta con dúas accións formativas realizadas na provincia de Pontevedra e prevé novas iniciativas formativas ao longo de 2026, co propósito de continuar ampliando as oportunidades de emprego para as persoas con discapacidade da provincia.
Itinerarios personalizados
O Programa Integrado de Emprego de COGAMI baséase nunha metodoloxía de traballo individualizada, a través do deseño e seguimento de Itinerarios personalizados de inserción laboral. Dende o momento no que a persoa decide incorporarse ao programa, conta con acompañamento continuo tanto na fase de orientación como na de inserción laboral.
Tras unha avaliación inicial, cada participante recibe información, orientación, asesoramento e apoio individualizado, ademais de participar en obradoiros prácticos sobre técnicas de coaching, intelixencia emocional e motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea.
O programa tamén promove accións de prospección empresarial, prácticas profesionais, obradoiros sobre mobilidade laboral e igualdade, e ofrece unha bolsa económica de 10 euros por asistencia a cada acción formativa, ademais de medidas de conciliación para favorecer a participación.
Durante este ano incorpora novas ferramentas dixitais e tecnolóxicas para mellorar a comunicación coas persoas demandantes, unha aula de informática para facilitar a aprendizaxe, interacción directa co tecido empresarial, e a dispoñibilidade dun servizo de asesoría xurídica para resolver consultas relacionadas co emprego. Ademais, aplícanse metodoloxías adaptadas ás necesidades específicas de cada participante.