A asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) atendeu durante o ano pasado a 85 mulleres con discapacidade dos concellos de Ourense, Allariz e O Carballiño dentro do programa de `Apoderamento e Activación para o Emprego’ de COCEMFE, que está impulsado polo programa Incorpora da Fundación ”la Caixa”.
Este proxecto pretende dar resposta ás necesidades das mulleres con discapacidade atendidas, a través de accións individuais e grupais, co reforzo dos recursos tecnolóxicos do persoal técnico, e a derivación a servizos especializados, garantindo unha atención integral das participantes.
Durante o ano pasado dedicáronse 250 horas á atención individual, conseguiuse a inclusión laboral de 6 mulleres con discapacidade e impartíronse máis de 100 horas de sesións grupais en apoderamento, habilidades prelaborais e alfabetización tecnolóxica, nas que participaron aproximadamente un 60% das mulleres.
“Dende ACADAR, temos como prioridade a defensa dos dereitos das mulleres con discapacidade cara á súa participación en todos os ámbitos da sociedade”, expresa a presidenta da entidade, Mónica Álvarez, quen destaca a necesidade de “facer fronte ás discriminacións que lles afectan en diferentes áreas da súa vida, especialmente nas esenciais para a construción dun proxecto de vida propio, como é o caso do acceso e permanencia no mercado laboral“
O programa de `Apoderamento e Activación para o Emprego’ estase a levar a cabo, ademais de en Galicia, noutras rexións estatais como Andalucía, Aragón, Estremadura, Madrid, Murcia e Navarra para seguir contribuíndo co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible de igualdade de xénero (ODS 5), para o que é imprescindible acabar ca discriminación e a vulneración de dereitos sociais, económicos, civís e políticos que afrontan as mulleres e nenas con discapacidade.
As persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto con Diana Valeiras, a través do correo electrónico igualdad.ourense@cocemfe.es e no teléfono 617 101 436