ACADAR fai balanzo do Servizo Dedaleira, con preto de 300 persoas atendidas e máis de 170 intervencións realizadas en 2025

A Asociación ACADAR de Mulleres con Discapacidade de Galicia fai balanzo dos resultados en 2025 do Servizo Dedaleira, un recurso especializado en información, atención e asesoramento fronte á violencia de xénero dirixido a mulleres con discapacidade e tamén á súa contorna máis próxima, como parellas, familias e profesionais do ámbito social, educativo ou institucional. O servizo inclúe atención psicolóxica e sexolóxica individualizada, intervención social, asesoramento xurídico e accións formativas grupais.

Durante o pasado ano, Dedaleira levou a cabo 22 accións formativas presenciais dirixidas a persoas con discapacidade, nas que participaron 69 persoas, das cales 40 foron mulleres e 29 homes. Entre as temáticas abordadas destacaron a invisibilidade da sexualidade nas mulleres con discapacidade, a prevención de abusos sexuais, as relacións saudables, as violencias sexuais, o autocoñecemento, o pracer, os métodos anticonceptivos e a prevención de riscos, así como os cambios na sexualidade asociados ao envellecemento.

O programa inclúe tamén a Unidade Co-Respecto, con formacións en centros educativos para traballar a prevención da violencia contra nenas e mulleres, a violencia a través das TIC e a educación afectivo-sexual. En 2025 impartíronse 7 formacións escolares nas que participaron 163 menores, 81 nenas e 82 nenos. Ademais, realizáronse accións formativas dirixidas a familias, con 14 participantes, e formación específica para profesionais en Santiago e Negreira, á que asistiron 13 persoas.

No ámbito da atención individual, Dedaleira atendeu a 37 persoas de distintos concellos galegos, que recibiron 111 sesións psicolóxicas, 59 sesións de intervención social e un total de 170 intervencións. Xunto coa Unidade Querelar, o servizo desenvolveu actuacións orientadas á prevención, detección e intervención en situacións de abuso ou violencia sexual, co obxectivo de promover unha sexualidade saudable, autónoma, libre e pracenteira nas persoas con discapacidade.

O servizo Dedaleira continúa en activo durante este ano, aberto a todos os organismos que queiran asistir ás formacións que imparte. Para máis información, pica neste enlace https://dedaleira.gal/

Galería de imaxes

Todas