ACADAR leva aos centros educativos o programa VIO 9 para previr a violencia contra as mulleres con discapacidade


A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) desenvolverá durante este ano 2026 unha nova edición do proxecto “VIO 9: Ver para erradicar”, unha iniciativa de sensibilización dirixida ao alumnado de diferentes niveis educativos das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra, tras contar co apoio das respectivas deputacións provinciais.

Este programa nace da necesidade de concienciar á sociedade en xeral e á mocidade en particular sobre a realidade das mulleres e nenas con discapacidade, facendo especial fincapé na igualdade de oportunidades e na prevención das distintas formas de violencia, especialmente a violencia de xénero e a violencia dixital.

O principal obxectivo do proxecto é sensibilizar, detectar e contribuír á erradicación das diferentes manifestacións de violencia que sofren as mulleres e nenas con discapacidade. Ademais, pretende dotar ás futuras persoas profesionais de ferramentas que lles permitan identificar situacións de discriminación e violencia, así como promover unha maior comprensión da realidade deste colectivo.

Entre as metas da iniciativa atópanse tamén a modificación dos estereotipos e prexuízos existentes arredor da discapacidade, o fomento dun trato igualitario entre todas as persoas e a promoción do uso dunha linguaxe inclusiva e respectuosa.

A formación desenvolverase de maneira presencial nos propios centros educativos, en grupos reducidos de non máis de 25 participantes. Cada grupo recibirá tres sesións formativas baseadas nunha metodoloxía dinámica, interactiva e participativa, que favorecerá a reflexión crítica, o debate e o intercambio de experiencias entre o alumnado

A través de proxectos como VIO 9, ACADAR impulsa medidas que favorecen a igualdade real entre todas as persoas, fomentan o coñecemento das necesidades das mulleres con discapacidade e fortalecen valores como a empatía, o respecto e a sororidade.

Galería de imaxes

Todas