Podes descargar a nota en word
A Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR) organiza para o vindeiro sábado, 3 de agosto, a II Festa dos Callos co fin de recadar fondos para dotar ao centro que ten en Valadares, e ao que acoden día a día 48 persoas usuarias, de máis recursos e renovar material.
O sábado 3 de agosto, no espazo da Horta do Muíño do Concello de Outes, a entidade abordará, por segundo ano consecutivo, o reto de cociñar callos para mil comensais, toda unha fazaña se se ten en conta que non son persoas profesionais dos fogóns.
Para este evento, contarán dende as 12 horas con grupos de música e DJ da zona que, dun xeito totalmente altruísta, encargaranse de amenizar toda a xornada ata ben entrada a madrugada, entre os que figuran: Charanga OT, DJs Borja CT, Juan do Tractor, Pablo Balseiro, Jaitas Blue, Pandereteiras do Tremuzo, Grupo de Música Tradicional de Outes, Aghruo, Martin Reimundez Rodriguez e The Balayoos.
Dende a asociación queren agradecer publicamente tanto a colaboración desinteresada destes grupos como tamén o apoio loxístico, de espazos e equipamentos por parte do Concello de Outes, e a colaboración dos Concellos de Muros, Carnota e Mazaricos. Outra colaboración é a dos comercios e empresas da zona que doaron dende produtos ata aloxamentos nos mellores hoteis da contorna, que serán rifados nos preto de 40 sorteos que se realizarán entre as persoas asistentes.
Para esta xornada tamén teñen preparadas outras actividades participativas como o Grand Prix do Verán, unha andaina e un torneo de fútbol, e tamén contarán cunha zona de inchables e pintacaras.
A ración de callos, acompañada da cazola, que foron elaboradas polas persoas usuarias do obradoiro de modelado en barro do centro de Valadares, irá acompañada de bebida, postre e café, todo por un custo de 12 euros.
As persoas interesadas en asistir, xa poden mercar o seu billete chamando ao teléfono da asociación 881 083 860 ou a través das redes sociais.