AGL apoia o reto solidario dunha francesa que percorrerá 200 km do Camiño de Santiago para visibilizar o linfedema

A Asociación Galega do Linfedema (AGL) anunciou o seu apoio á iniciativa da asociación francesa Vivre Mieux le Lymphoedème (AVML), entidade homóloga coa que comparte obxectivos de sensibilización e mellora da calidade de vida das persoas con linfedema. O encontro entre AGL e a representante de AVML, Delphine, tivo lugar este martes 26 de maio, ás 11:30 horas, na Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela, nun espazo para o intercambio de experiencias e o fortalecemento dos lazos de colaboración entre ambas as asociacións.

Delphine é coidadora no Hospital Marcy de Metz e convive co linfedema desde hai máis de dez anos. Na actualidade exerce como directora rexional de Alsacia-Lorena de AVML e como responsable nacional de comunicación da mesma asociación. Comprometida coa loita por visibilizar a realidade das persoas con esta enfermidade, e en particular a das nenas e nenos afectados, decidiu embarcarse nun reto persoal e solidario: percorrer 200 quilómetros do Camiño de Santiago en dez días.

A través desta aventura, Delphine pretende concienciar á poboación sobre o linfedema, unha enfermidade crónica e incapacitante que aínda hoxe é amplamente descoñecida e que afecta de xeito significativo á calidade de vida das persoas que a teñen, con especial impacto na xente máis nova. En paralelo ao reto físico, lanzarase unha campaña de captación de fondos para axudar a nenos con linfedema a través de AVML.

Dende AGL destacan a importancia de tecer redes de colaboración con asociacións doutros países: Cando AGL coñeceu esta iniciativa, contactou con Delphine para saber máis do proxecto e acordar un encontro persoal.

Entre os obxectivos do proxecto destacan: sensibilizar sobre o linfedema e as súas consecuencias; dar visibilidade aos nenos e nenas afectados por esta enfermidade e tamén recadar fondos para a súa atención.

"Este reto é moito máis que unha viaxe. É unha forma de transformar a miña loita persoal en accións concretas para axudar a outros nenos e familias”, en palabras de Delphine, AVML

Galería de imaxes

Todas