Alcer Coruña consolida en 2025 os grupos do programa “Tardes con Alcer” para persoas con enfermidade renal crónica

A entidade Alcer Coruña mantivo ao longo do ano 2025 os grupos de apoio denominados “Tardes con Alcer”, unha iniciativa orientada a fomentar o encontro entre persoas con enfermidade renal crónica e crear espazos seguros de diálogo e acompañamento entre iguais.

Estas xuntanzas desenvolvéronse nas tres delegacións da entidade, contando coa participación de 12 persoas en Ferrol, 20 na Coruña e 10 en Santiago de Compostela. As sesións realizáronse unha vez ao mes e tiveron como obxectivo principal favorecer o intercambio de experiencias vitais, así como compartir medos, inquedanzas e vivencias comúns que adoitan xurdir tralo diagnóstico dunha enfermidade renal crónica.

A organización, convocatoria e mediación das “Tardes con Alcer” correu a cargo do persoal técnico de cada delegación, que se encargou de adaptar os contidos e dinámicas ás necesidades específicas de cada grupo. Deste xeito, as sesións incluíron a participación de profesionais especializados en ámbitos como a nutrición, a psicoloxía ou a enfermaría, así como actividades prácticas de role-playing e propostas de lecer compartido, como sesións de baile ou merendas grupais.

Con esta iniciativa, Alcer Coruña reforza o seu compromiso coa atención integral ás persoas con enfermidade renal crónica, promovendo o apoio emocional, a participación activa e a creación de redes de apoio entre as persoas afectadas.

Galería de imaxes

Todas