Ámbar celebra a Carreira pola Diversidade con máis de 300 participantes

Ámbar celebra a Carreira pola Diversidade con máis de 300 participantes

Un ano máis, e xa van once, a asociación Ámbar congregou na explanada de Coroso, no Concello de Ribeira, a máis de 300 corredoras e corredores que participaron na Carreira pola Diversidade, co fin de  visibilizar e promover a inclusión real e efectiva das persoas con discapacidade.

De entre as 300 persoas participantes, máis de 90 participaron na andaina, as probas infantís contaron tamén con máis de 90 menores inscritos e na categoría absoluta, houbo preto de 130 persoas apuntadas.

Todas estas persoas que participaron no evento contribuíron a que Ámbar lograra unha recadación que supera os 8.000 €, unha cifra que vai ser destinada a organizar saídas e respiros familiares, permitindo que as persoas usuarias podan gozar de actividades de lecer e, ao mesmo tempo, supoñen un respiro e conciliación para as familias.

“Non é só unha Carreira, a Carreira fala de inclusión, que é o que levamos facendo dende Ámbar dende 1982. Grazas ó Concello de Ribeira por facilitarnos as cousas. Grazas a todas as empresas colaboradoras, é fundamental e non solo a nivel económico, xerar un vínculo de colaboración é fundamental” Afirmou a presidenta da entidade Milagros Rey.