As actividades de lecer, cultura e deportes de COGAMI contaron coa participación de máis de 300 persoas

As actividades de lecer, cultura e deportes de COGAMI contaron coa participación de máis de 300 persoas

Máis de 300 persoas con discapacidade participaron durante este ano nas distintas actividades organizadas por COGAMI dentro do seu programa de Lecer, Cultura e Deportes Inclusivos. Entre a ampla variedade de actividades que ofrece, destacan a de vela adaptada que se organiza coa colaboración do Real Club Náutico de Sanxenxo, ademais do programa GAVEA de vela adaptada, e tamén se impulsaron actividades culturais, como o de EnRedArte, que permite que asociacións membro de COGAMI participen en obradoiros artísticos.

Para levar a cabo este programa cóntase co apoio da  Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF, procedentes das persoas que marcaron o cadro de Actividades de Interese Xeral de carácter social, coñecida por X Solidaria.

Tendo por obxectivo fomentar unha oferta de lecer inclusiva, en colaboración con distintas entidades culturais e deportivas, as actividades complementáronse con visitas a museos, participación en programas de vacacións, representacións de teatro e concertos. Todas estas iniciativas buscaban garantir que as persoas con discapacidade, especialmente as que residen en zonas rurais e que teñen máis dificultades para desprazarse, puideran acceder a unha oferta de lecer adaptada e inclusiva, mellorando así a súa calidade de vida e a súa participación social.