A Praza de Amboaxe de Ferrol foi o lugar escollido polas entidades sociais ferrolás que representan ao Terceiro Sector para animar á veciñanza a marcar o recadro 106 do IRPF, coñecido como X Solidario, e destinar así o 0,7 % dos seus impostos a Actividades de Interese Social.
Durante o acto, representantes e persoas usuarias das entidades participantes formaron unha grande X humana, portando paraugas laranxas, símbolo da campaña, nunha acción visual e reivindicativa que busca chamar á participación da veciñanza. Participan as entidades: Secretariado Xitano, ASPANEPS, AFAL, ASPANEMI, Saúde Mental Ferrol, Asotrame, ASCM, Teima, COGAMI, Chamorro, Párkinson Ferrol, ALCER Ferrol e Dignidade.
Os paraugas empregados na acción foron cedidos polo Centro Comercial Aberto A Magdalena.
Marcar o X Solidario non implica pagar máis nin recibir menos na declaración, e permite financiar programas sociais que melloran a vida das persoas en situación de vulnerabilidade. En Galicia, preto de 600.000 persoas están en risco de pobreza ou exclusión social.