As entidades sociais galegas animan á cidadanía a marcar o X Solidario na súa declaración da renda

As entidades sociais galegas animan á cidadanía a marcar o X Solidario na súa declaración da renda

 Podes descargar a nota aquí.

As entidades do Terceiro Sector de Acción Social Galego,  representadas por EAPN- Galicia, CERMI- Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), reuníronse un ano máis con motivo do inicio da campaña do X Solidario, que este ano intentará que máis galegas e galegos se sumen a marcar o recadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”.

A Praza da Quintana en Santiago de Compostela  acolleu o acto de presentación da campaña onde entidades e persoas beneficiarias fixeron un novo chamamento para que o financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF continúe crecendo e así posibilite que as ONG poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas.

Por outra banda, as entidades tamén animaron a todas aquelas persoas que xa están sensibilizadas a apoiar a difusión da campaña, que este ano chega ás redes coa etiqueta #EquipoXSolidaria.

O acto consistiu na elaboración dun X xigante cunha tea laranxa no medio da praza e a posterior lectura do manifesto. Isto último correu a cargo do Director de EAPN-Galicia, Xosé Cuns, a Presidenta da Plataforma de Organización de Infancia de Galicia (POIG), Mónica Viqueira e o Secretario Xeral do CERMI-Galicia, Carlos Fernández Lamigueiro.

Un recadro que cada ano conta con máis adeptos

Durante 2023, a campaña recadou en Galicia 24.029.488 €, grazas a que 775.395 persoas (o 54,5% do total de contribuíntes) marcaron o X Solidario na súa Declaración, o que supón unha recadación de 30’99 € por persoa.

Un éxito porque foron 24.528 persoas máis que en 2022, o que permitiu recadar 2.638.195 € máis.  Aínda así, 647.628 contribuíntes seguen sen marcar o X Solidario (530.187 non marcaron ningún recadro e 117.441 só marcaron o da Igrexa).  Se todos os galegos e galegas marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 39. 461 392 Euros (15.431.905 € máis).

A nivel estatal, a campaña da renda do ano pasado recadou 475.902.000 € grazas a que 12.052.295  persoas marcaron o X Solidario súa Declaración, é dicir, un 53% do total de persoas declarantes. O que supón que o número de persoas contribuíntes solidarias creceu en case 2 millóns nos últimos 10 anos.

Unha recadación que chega cada ano a todo tipo de realidades

Todos estes fondos recibidos durante a campaña do ano pasado axudan a dar resposta a realidades concretas: apoio ás persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, educación para a saúde, teleasistencia, centros de atención integral para as mulleres diagnosticadas de cancro de mama, residencias, atención a persoas xordas na súa contorna socio-familiar, atención a mulleres en dificultade social, centros de día, atención a persoas sen fogar, erradicación de violencia de xénero, atención á poboación rural desfavorecida e programas de voluntariado, transporte en vehículos adaptados, entre outros moitos.

Dende as entidades de acción social galegas queremos recordar que marcando o X Solidario, o recadro de Fins Sociais, nin se paga máis nin se recibe menos cartos no caso de devolución e, como contrapartida, contribuímos á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.

Marcar o X Solidario non custa nada.

Nin pagas máis, nin che devolverán menos.

Se xa se marca a casiña da Igrexa, marcando tamén a de ‘Actividades de Interese Social’, pódese axudar o dobre.

Se fas a declaración a través da app, a casilla aparece como “Fines Sociales”


LEMBRA! Decidir e elixir que queres que se faga cos teus cartos é un dereito que non todo o mundo pon en práctica. O noso obxectivo é que a xente marque o recadro e decida. Porque ao facer isto NIN pagamos máis NIN imos recibir menos cartos no caso das devolucións. Do que hai que pagar na Declaración do IRPF o Estado saca un 0’7% para que ti decidas en que se vai gastar.

Fotos:

1 en Santiago na Praza da Quintana

2 en Outes coa entidade ADISBISMUR

3 en Pontevedra, representantes de COGAMI e das entidades membro Alcer Pontevedra, Amizade e AGL

4 en Val do Dubra, na asociación AVANTE

5  en Lugo, no centro de COGAMI en Fingoi

6 en Vigo COGAMI, a Federación COGAMI Pontevedra e a asociación Agadhemo

Galería de imaxes