A Asociación de Pais de Persoas con Diversidade Funcional de Teo (ASPAMITE) celebra o seu XXX aniversario concluíndo un importante proxecto de mellora de accesibilidade e seguridade na súa sede. Logrou eliminar as barreiras arquitectónicas e acondicionar o recinto exterior das súas instalacións, un paso fundamental para favorecer a inclusión e garantir o acceso cómodo e seguro das súas vinte e cinco persoas usuarias e traballadoras.
As obras incluíron a substitución do pavimento antigo por un antiescorregadizo, a redución das pendentes nas zonas de paso, a incorporación de pasamáns e a construción dunha rampla de acceso, Estes traballos non só melloran a mobilidade e a seguridade, senón que contribúen á creación dun espazo máis inclusivo e accesible para todas as persoas que acoden ao centro.
Enmarcada dentro da Liña IV de Proxectos de investimento e adecuación de centros para persoas con discapacidade para a realización de obras de conservación e mantemento de centros e servizos, estas obras contaron co apoio da Xunta de Galicia a través dos fondos que recibe do 0,7% do IRPF procedentes de todas as persoas contribuíntes que marcaron o recadro 106 destinado a fins sociais, e coa subvención para o investimento en Servizos Sociais da Deputación de A Coruña.
Con estas melloras, ASPAMITE reafirma o seu compromiso coa inclusión e accesibilidade, celebrando trinta anos de traballo ao servizo das persoas con discapacidade e das súas familias en Teo.