COGAMI achega a orientación laboral ás persoas con discapacidade da comarca de Ordes cun servizo de proximidade

O Servizo de Emprego de COGAMI continúa reforzando a súa presenza nas zonas do rural para achegar unha atención próxima e personalizada ás persoas con discapacidade que buscan acceder ao mercado laboral. Dende hai tres meses, a comarca de Ordes conta cunha nova orientadora laboral, Vanessa Batalla Blanco, quen acompaña ás persoas usuarias do servizo no proceso de busca de emprego, ofrecéndolles información, orientación, intermediación e formación.

COGAMI presta este servizo todos os mércores, entre as 8:30 e as 15:00 horas, nas instalacións da Mancomunidade de Ordes, así como unha vez ao mes no Centro Sociocultural Fernando Casas Novoa, no concello de Oroso, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Na actualidade, son 210 persoas as que decidiron apuntarse na bolsa de emprego de COGAMI na comarca de Ordes, procedentes dos concellos de Ordes (89), Oroso (60), Trazo (18), Tordoia (17), Cerceda (12), Frades (7) e Mesía (7). No que vai de 2026, o servizo xa realizou 37 procesos de orientación laboral, que contribuíron á consecución de 9 insercións laborais.

O perfil das persoas inscritas é diverso, aínda que predominan aquelas con estudos de graduado escolar ou equivalente (89 persoas), seguidas das que contan con formación profesional de grao medio (39), ESO (27), estudos primarios incompletos (18), grao superior (19), estudos universitarios (11) e bacharelato (7).

En canto ao grao de discapacidade, o 76 % das persoas inscritas teñen recoñecido un grao de discapacidade, mentres que o 24 % restante conta cunha incapacidade permanente total (IPT). Neste último grupo son frecuentes as persoas procedentes do sector da construción, especialmente albaneis, que, tras unha incapacidade, deben redefinir o seu futuro profesional e contactan con COGAMI, nun primeiro momento para buscar información ante a súa nova situación laboral.

Orientación personalizada cara ao emprego

Precisamente, unha das principais funcións do Servizo de Emprego de COGAMI é acompañar a estas persoas nun momento de cambio. "Moitas chegan sen saber que profesións poden desempeñar despois dunha incapacidade laboral. Tras anos desenvolvendo o mesmo oficio, necesitan descubrir novas opcións laborais acordes ás súas capacidades e intereses", explica Vanessa Batalla.

A orientación laboral non se limita á intermediación con empresas. Cada persoa conta cun itinerario personalizado no que se analizan as súas capacidades, intereses e obxectivos profesionais para definir un plan de acción que pode incluír formación, mellora das competencias dixitais, aprendizaxe de ferramentas de procura de emprego e acompañamento continuo durante todo o proceso. Ademais das sesións presenciais, o seguimento complétase mediante chamadas telefónicas e mensaxes, facilitando unha resposta áxil ás necesidades que van xurdindo e ao envío de ofertas de emprego adaptadas a cada perfil.

A formación abre novas oportunidades

A formación constitúe outro dos piares fundamentais para a inserción laboral. Neste momento, varias persoas da comarca participan en programas de formación e emprego, obradoiros de emprego e accións formativas para persoas desempregadas. Outras están xa inscritas no curso de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais que COGAMI impartirá proximamente en Santiago de Compostela, co que contarán cunha bolsa para sufragar os desprazamentos.

A incorporación de Vanessa Batalla supón tamén un reforzo da atención que COGAMI presta noutras comarcas do rural da provincia da Coruña, dando cobertura, ademais de Ordes, ás comarcas de Arzúa, Melide, O Sar, A Barcala, Santa Comba e Val do Dubra, consolidando unha rede de proximidade que facilita que as persoas con discapacidade ou incapacidade laboral para profesión habitual poidan acceder aos servizos de orientación laboral sen necesidade de desprazamentos ás cidades.

Aquelas persoas con certificado de discapacidade dun 33 % como mínimo ou cun certificado de incapacidade laboral que emite o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) que queiran reorientar a súa vida laboral, poden contactar con COGAMI no teléfono 981 574 698 ou a través do correo electrónico sil@cogami.gal.

Galería de imaxes

Todas