COGAMI asina convenio co SERGAS para complementar a asistencia ás persoas con discapacidade orgánica

COGAMI asina convenio co SERGAS para complementar a asistencia ás persoas con discapacidade orgánica

O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, acompañado pola coordinadora da Comisión Sociosanitaria de COGAMI, Laura Quintas, e o vicetesoureiro da entidade, Paulo Fontán, acudiron ata a Consellería de Sanidade onde foron recibidos polo novo titular, Antonio Gómez Caamaño, ademais do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada e o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva.

O motivo desta xuntanza foi a firma dun convenio de colaboración que permitirá ofrecer unha atención personalizada a 958 persoas con discapacidade orgánica que forman parte de 19 entidades membro da Comisión Sociosanitaria de COGAMI.

“Este acordo, ao que a Xunta achega 164.000 euros, abre un camiño innovador para complementar a asistencia que presta o Servizo Galego de Saúde ofrecendo unha atención adicional, integral e particularizada a pacientes de enfermidades crónicas nas sete áreas sanitarias”, apuntaba o Conselleiro de Sanidade.

Este apoio permitirá desenvolver un conxunto de accións orientadas a prestar tratamentos e técnicas máis axeitados para cada patoloxía e cada persoa, en función do seu grao de afectación e a evolución da enfermidade. Estas intervencións efectuaranse na contorna das persoas asistidas, tanto en domicilios particulares como empresas ou centros de atención. 

Para o presidente de COGAMI, “hoxe é un día importante que despois do traballo por parte das asociacións do ámbito da saúde e do ámbito sociosanitario que forman parte de COGAMI, encabezadas pola presidenta da Comisión Sociosanitaria, Laura Quintas, que leva moito tempo traballando cóbado con cóbado coa Consellería”. Queiruga engade que “este convenio de colaboración vai contribuír na mellora da calidade de vida das persoas usuarias das distintas entidades, de 19 organizacións concretamente, que vai permitir tamén mellorar a súa autoestima, autonomía persoal e sobre todo reabastecer os servizos que reciben que dalgunha maneira complementan estas entidades”.

Para rematar, Anxo dirixir unhas palabras directas ao novo equipo da Consellería de Sanidade, dicindo que “aproveitamos para desexarlle moito éxito e acerto neste nova andaina ao novo Conselleiro e ao seu equipo da Consellería de Sanidade”.

COGAMI trasladoulle ao Conselleiro as persoas que resultarán beneficiarias tras este convenio, das que 520 persoas disporán de apoio, orientación e información sobre a súa patoloxía; 200 persoas recibirán apoio á recuperación física funcional; 50 persoas recibirán apoio ocupacional; 3 persoas terán apoio á recuperación logopédica; 165 persoas, apoio emocional; e 40 persoas, outros servizos dirixidos á recuperación integral das persoas con discapacidade.