COGAMI está a participar en Lisboa no Congreso Internacional de Atención Temperá, considerado o máis importante a nivel mundial. O evento, organizado pola Sociedad para la Intervención Temprana (IPI) en colaboración con Eurlyaid, constitúe un espazo de diálogo e debate que reúne profesionais, familias e persoas expertas coa finalidade de avanzar no modelo de intervención temperá.
O congreso céntrase na atención temperá dirixida a nenas e nenos de 0 a 6 anos, promovendo unha metodoloxía baseada na intervención coas familias, en contornas naturais e a través de rutinas diarias, co obxectivo de favorecer o desenvolvemento e autonomía das crianzas.
Esta mesma metodoloxía é a que se aplica nos servizos municipais de atención temperá que xestiona COGAMI na Mancomunidade do Baixo Miño e nos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral, ademais dos de Sada, Mos, Ponteareas e Poio, incorporándose recentemente os de Miño, Pontedeume e Vilarmaior.
A participación de COGAMI neste encontro internacional supón unha oportunidade de aprendizaxe para o seu equipo profesional, que poderá incorporar os últimos avances e mellores prácticas nas intervencións realizadas nos seus servizos.