No ano 2020, COGAMI iniciou a xestión do servizo municipal de atención temperá na Mancomunidade do Baixo Miño e, dende entón, asumiu tamén a xestión destes servizos nos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral, Sada, Ponteareas, Poio, Miño, Pontedeume e Vilarmaior. Durante o ano 2025, a entidade xestionou ademais o servizo do Concello de Mos ata o mes de novembro. Conxuntamente, estes recursos atenderon durante 2025 a máis de 600 menores e ás súas familias.
Os servizos de atención temperá de COGAMI contan con equipos profesionais especializados en psicoloxía, logopedia, terapia ocupacional e fisioterapia, que atenden a nenas e nenos de entre 0 e 6 anos, derivados maioritariamente dende os servizos de pediatría. Nos últimos anos, a entidade deu un paso máis na mellora do modelo de intervención, incorporando de maneira activa ás familias como parte esencial do proceso, ao considerar clave a súa participación no desenvolvemento dos menores.
Neste enfoque, as rutinas diarias convértense en oportunidades de aprendizaxe, sendo as interaccións de calidade cos coidadores o elemento fundamental para promover un desenvolvemento óptimo. A función dos profesionais céntrase así en acompañar, informar e apoiar ás familias, tanto na promoción destas interaccións como na xestión do impacto emocional e do estrés que pode supoñer afrontar estas situacións. Para iso, os servizos de atención temperá traballan de maneira coordinada cos servizos sanitarios, educativos e sociais dos distintos concellos.