COGAMI conmemora o Día Nacional de atención temperá poñendo en valor este servizo dirixido a nenas e nenos de 0 a 6 anos

COGAMI conmemora o Día Nacional de atención temperá poñendo en valor este servizo dirixido a nenas e nenos de 0 a 6 anos

O 16 de xuño conmemórase o Día Nacional da Atención Temperá, unha data que intenta poñer en valor este servizo que resulta esencial para nenas e nenos de 0 a 6 anos que presentan trastornos do desenvolvemento ou teñen risco de padecelos.

Para conmemorar esta data, dende o servizo de atención temperá do Concello de Mos desenvolveron unhas xornadas de sensibilización da discapacidade nos centros educativos deste municipio en colaboración con COCEMFE, enmarcado no programa de Educación inclusiva que financia o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030.

Dende o servizo de atención temperá do Concello de Sada, en colaboración coa Concellería de Benestar Social, Igualdade e Emprego, teñen programada unha festa para o xoves, 20 de abril, na Casa do Pobo de Veigue a partir das 17 horas, na que non faltarán xogos como pintacaras, xincana, música e xogos populares.

O equipo de profesionais do servizo de atención temperá dos concellos de Abegondo, Bergondo e Carral queren salientar nesta data que “a atención temperá de calidade require de formación especializada pero tamén de recoñecemento profesional, regulación laboral específica e benestar profesional”.

Demandas de COGAMI

Dende COGAMI aproveitamos esta data para reivindicar que, malia que nos últimos anos incrementou, é preciso que se establezan en todos os concellos servizos comunitarios de atención temperá. É fundamental esta terapia para promover a autonomía dos nenos e nenas porque contribúe a solucionar problemáticas que se manifestan en etapas posteriores da persoa.

Dende COGAMI cremos necesario que a Xunta de Galicia sexa a administración que lidere o desenvolvemento dunha atención temperá de calidade, no que exista unha planificación de equipos necesarios en base á poboación diana destes servizos, sendo o 10% de poboación de 0 a 6 anos (máis de 10.000 menores en Galicia).

Un profesional non debería superar a ratio de atención de 25 nenas e nenos.

Os locais nos que se preste o servizo deberán ser dignos, accesibles e adecuados para atender tanto a menores como tamén ás súas familias.

O equipo de profesionais debe estar formado e motivado para o desenvolvemento da súa función. Isto exixe garantir que teñan continuidade na súa ocupación e unha retribución que lle permita implicarse ao 100% no desempeño de esta importante labor.

COGAMI coa atención temperá

COGAMI xestiona os servizos municipais de atención temperá da Mancomunidade do Baixo Miño e dos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral, Sada, Mos e Ponteareas, ademais de ofrecer este servizo dentro do Programa integral de actuacións para a promoción da autonomía persoal e a inclusión social que se desenvolve no CEGADI, en Santiago. Equipos profesionais especializados en fisioterapia, psicoloxía e logopedia encárganse de facilitar ás crianzas e familias, os medios e recursos precisos para potenciar as capacidades de desenvolvemento e benestar para unha vida o máis autónoma posible, dende unha metodoloxía que segue un plan de atención individualizado.