Máis de 950 persoas van resultar beneficiadas do programa de apoio para a recuperación integral das persoas con discapacidade orgánica que desenvolve COGAMI a través dun convenio recentemente asinado coa Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde.
Todas estas persoas beneficiarias son usuarias de 19 entidades orgánicas da Comisión Sociosanitaria de COGAMI e que cada ano desenvolven servizos encamiñados á rehabilitación e ao mantemento da saúde de persoas con algunha patoloxía crónica.
Segundo as necesidades detectadas e a experiencia de traballo das entidades ao longo do tempo, os servizos que se prestan están baseados en tratamentos e técnicas máis axeitadas para cada patoloxía e persoa en función do seu grao de afectación e evolución da enfermidade. O persoal conta con experiencia e formación especializada no tratamento do colectivo e as intervencións efectuaranse en cada territorio e, no caso de que perfil da persoa o requirise, nos domicilios particulares.
Apoio, orientación e información sobre a patoloxía, apoio á recuperación física e funcional, ademais de ocupacional, logopédica e emocional son os servizos que se van financiar a través deste convenio. Hai outros servizos que, sabendo do seu beneficio na prevención tamén se desenvolverán como o de nutrición para persoas con patoloxía renal, preparación física a persoas con esclerose múltiple e fibromialxia ou a piscina terapéutica a persoas con artrite.
Entidades da Comisión Sociosanitaria
Son entidades representativas especializadas nas patoloxías que representan e son de referencia no Servizo Galego de Saúde para a derivación de persoas afectadas nos seus territorios. Ademais, teñen experiencia na prestación de servizos ás persoas que representan e recursos dispoñibles.
Estamos a falar de entidades como: a de pacientes con hemofilia e outras coagulopatías conxénitas (AGADHEMO), esclerose múltiple (ACEM A Coruña, ACEM Santiago, Aodemper, Avempo e Alucem), patoloxías reumáticas (Conartrite Santiago e Asearpo), párkinson (Parkinson Galicia), patoloxías do ril (ALCER Coruña, ALCER Lugo, ALCER Ourense e ALCER Pontevedra), Crohn e colite ulcerosa (ACCU), fibromialxia e fatiga crónica (Affou), fibrose cística (AGFQ), enfermidades neuromusculares (ASEM Galicia), linfedema, lipedema e outras patoloxías vasculares (AGL), e persoas afectadas por transplantes medulares (Asotrame).