A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada da concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, asinou cinco convenios de colaboración con entidades que traballan coas persoas con discapacidade, destinando un total de 25.000 euros anuais en axudas. Entre as organizacións beneficiarias atópanse COGAMI, Asodifisi, Aceesca Emprego, Discamino e EVD Galicia, que desenvolven proxectos innovadores de inclusión social que darán cobertura a máis de 500 mosenses.
O acto tivo lugar na Casa Reitoral de Petelos, onde estiveron presentes representantes de cada unha das asociacións, incluíndo Celso Álvarez, director do centro de recursos de COGAMI en Mos. Cada entidade expuxo os proxectos que se levarán a cabo co apoio municipal. No caso de COGAMI, desenvolverase un proxecto de intervención asistida con animais, no que se recuperará o espazo para un galiñeiro que formará parte das actividades terapéuticas.
Os proxectos non só mellorarán a calidade de vida das persoas usuarias, senón que tamén fomentarán a súa autonomía, a participación na sociedade e o benestar físico e emocional.