A Fundación María José Jove e COGAMI reúnen a escolares e educadores en “Aprendendo a incluír. II Xornada Discapacidade: acoso escolar e condutas aditivas”, un encontro deseñado para sensibilizar, dende unha perspectiva práctica, acerca da realidade da inclusión no ámbito educativo.
A xornada combinou a visión de testemuños coa de profesionais do ámbito clínico, educativo e familiar nun encontro que se desenvolveu en dúas partes: unha sesión matinal de 10.30 a 12 horas na que participaron preto de 150 escolares de 2º e 3º de ESO do IES Agra de Orzán e Escravas do Sacro Corazón. Guiados por Gerardo Rodríguez, psicólogo experto en condutas aditivas, realizaron actividades de sensibilización en torno ao acoso escolar, promovendo a prevención de condutas aditivas e concienciando sobre o illamento que sofren gran parte de menores con discapacidade nas escolas.
“Unimos acoso escolar e condutas aditivas porque, por unha banda, vemos que o illamento escolar pode ser o desencadeamento para sufrir comportamentos aditivos, xa que na adolescencia moitas veces se sente a marxinación, onde poderían ver como solución o uso das tecnoloxías porque é onde se relacionan de igual a igual. Por outra banda, temos o contrario, que as condutas aditivas poden derivar no illamento escolar en estudantes que desenvolven adicións poden experimentar cambios de comportamento como son o distanciamento dos seus compañeiros, o que pode levar a máis exclusión e máis marxinación”, explica Chus Bello, coordinadora da xornada e técnica de educación de COCEMFE.
Xa pola tarde, dende as 17.30 horas e ata as 19 horas, a sesión estivo aberta ao público e contou coa asistencia de familias interesadas nesta temática e persoas vinculadas con estas problemáticas, relacionadas co ámbito da saúde mental e profesorado. Abordouse o acoso escolar no alumnado con discapacidade e condutas aditivas dende unha perspectiva clínica, coa visión de Mª José Lamas, psicóloga sanitaria de ADAFAD, e dende unha perspectiva educativa e familiar, mediante a intervención de Beatriz Noguerol, docente e nai dun menor con Asperxer.
“É importante que as familias e docentes participen nesta educación e poidan axudar a que as nenas e nenos poidan aproveitarse das vantaxes das novas tecnoloxías e, ao mesmo tempo, axudar a minimizar os riscos asociados co uso indebido de esas tecnoloxías, apuntaba Chus Bello. Para rematar, Bello explica que é importante a prevención “establecer límites que sexan adecuados, protexer a súa privacidade que moitas veces non son conscientes”.