COGAMI e AUTISMO GALICIA forman en accesibilidade a persoal técnico municipal de urbanismo e obras do concello de Santiago

As entidades COGAMI e a Federación Autismo Galicia formaron a dez técnicas e técnicos municipais das áreas de urbanismo e obras do Concello de Santiago en temáticas de accesibilidade universal e sensibilización coa discapacidade. Esta formación está enmarcada dentro do proxecto RUMBO de autonomía persoal e vida independente.

Unha educadora social de COGAMI, Alba Cabaleiro, e as técnicas de accesibilidade, Ana Castiñeiras, e da Federación de Autismo Galicia, Aitana García, foron as profesionais que impartiron esta formación. Durante a súa exposición, presentaron diferentes solucións adaptadas de produtos de apoio en impresión 3D para uso nos fogares, abordaron a problemática actual de accesibilidade nos edificios, describiron as barreiras arquitectónicas máis frecuentes coas súas posibles solucións e a necesidade de adaptar as vivendas como mecanismo de prevención da institucionalización das persoas con discapacidade.

Aitana García da Federación Autismo Galicia, abordou dun xeito global a accesibilidade dende o contexto do autismo, expoñendo a accesibilidade cognitiva como motor fundamental para participación e comprensión da nosa contorna. Neste senso, facilitáronse ao persoal técnico recursos e ferramentas en accesibilidade cognitiva para poder implementar tanto no contexto laboral como persoal, e fomentouse o deseño ou planificación de espazos amigables.

Todas estas estratexias fan que as persoas con autismo, ou con algunha dificultade a nivel cognitivo, poidan ser máis autónomas e independentes dentro da nosa sociedade. Dende Autismo Galicia púxose énfase  en confluír todas as accesibilidades (física, sensorial e cognitiva) para fomentar unha sociedade moito máis inclusiva e sensibilizada acolledora de todas as persoas, e en especial de todas as discapacidades coas que convivimos diariamente. 

A accesibilidade universal é unha oportunidade para á participación de todas as persoas en igualdade de condicións. A día de hoxe atopámonos con barreiras moi importantes para que a participación sexa igualitaria.

Segundo datos aportados polo Consejo General de Arquitectura Técnica, só o 0,6 % dos edificios en España son accesibles e, segundo a Fundación Mutua de Propietarios, 100.000 persoas en España non poden saía á rúa por non ser accesibles os inmobles onde viven. Por outra banda, a Organización Mundial da Saúde, estima que máis do 30 % da poboación mundial precisa actualmente, medidas de accesibilidade cognitiva. Tendo en conta que cada vez contamos con maior esperanza de vida e oportunidades, cabe esperar que todo o mundo nalgún momento da súa vida necesitará algún tipo de apoio ou medida en accesibilidade.

Proxecto Rumbo

Rumbo é un modelo piloto de apoio á autonomía e coidado da persoa que arrancou a finais de 2022 e estenderase ata finais de 2024. Está dirixido principalmente a unha franxa de idade dende os 18 aos 65 anos, preferiblemente do rural e no que se ten en conta a perspectiva de xénero. Para favorecer a autonomía da persoa, o proxecto recolle diferentes accións como o uso de tecnoloxías experimentais, o paso por vivendas de transición, o apoio a través da asistencia persoal, intervencións nas vivendas das propias persoas para facilitarlles a súa estadía e tamén a busca de colaboracións entre as administracións públicas para crear unha rede de servizos de apoio integral á vida independente.

Ademais de COGAMI e a Federación Autismo Galicia, este proxecto piloto é tamén desenvolvido por outras entidades galegas representativas da discapacidade como Aspace Galicia e Fegadace, xunto a outras 18 entidades de Andalucía, Aragón, Cataluña e Castela e León vinculadas ás confederacións estatais do Terceiro Sector da discapacidade (COCEMFE, ASPACE, Impulsa-Igualdad, FEDACE e AUTISMO ESPAÑA.

Denominado `Rumbo: cara un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva´, este proxecto ten por obxectivo impulsar o deseño de modelos innovadores de apoio á autonomía persoal e á vida independente de persoas con discapacidade, especialmente as que presentan maiores necesidade de apoios. Coa combinación de servizos e recursos pódese facilitar unha forma de vida inclusiva en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar.

Galería de imaxes

Todas