A alcaldesa do Concello de A Coruña, Inés Rey, e o vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, asinaron a renovación da colaboración entre os dous organismos a favor da inserción laboral de persoas con discapacidade do municipio.
O Concello achega unha contía total de 50.000 euros, repartidos en dous convenios nominativos: un, por un importe de 40.000 euros, destinado ao financiamento do servizo de intervención sociolaboral, e o outro, por un importe de 10.000 euros, para a execución dun plan integral de emprego para persoas con discapacidade. Ámbolos dous programas destacan porque cobren un itinerario personalizado e integral para as persoas que acceden, dende a entrevista inicial ata asesoramento, xestión de ofertas de emprego e seguimento da persoa durante o acceso ao traballo.
Trala sinatura do convenio, Inés Rey lembrou que "na medida das nosas competencias, tentamos contribuír a pechar esta brecha de desigualdade", referíndose a que só o 2% dos contratos de traballo asinados en España corresponde a persoas con discapacidade.