COGAMI remata o Programa Integrado de Emprego de Galicia 2023-2024, dirixido a mellorar a empregabilidade de persoas con discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33% ou con incapacidade laboral para a súa profesión habitual. Financiado pola Consellería de Promoción do Emprego, Comercio e Emigración e o Servizo Público de Emprego Estatal, o programa acadou un éxito notable ao inserir o 64% das 100 persoas participantes: 15 inseridas en Ourense e en Ferrol, 18 en Pontevedra e 16 en A Coruña.
Dende a área de Emprego de COGAMI, a súa coordinadora, Mari Carmen Ínsua, destaca que o programa “superou amplamente o obxectivo inicial de inserción laboral, que era do 40%”. Ínsua pon en valor estes resultados que ve como “moi positivos, pois as persoas con discapacidade teñen maiores dificultades de incorporación ao mercado laboral e, aínda que houbo persoas que non acadaron o obxectivo de inserción, é moi favorable o seu contacto co mercado laboral”.
O programa contou coa participación de 54 homes e 46 mulleres inscritas nas oficinas que COGAMI ten en Ourense (onde foron seleccionadas 26 persoas para este programa), en Ferrol (participando 25 persoas), en Pontevedra (23 persoas seleccionadas) e en A Coruña que contou con 26 persoas participantes. Todas melloraron as súas opcións de inserción laboral grazas á formación adaptada ás necesidades do mercado laboral e máis de 400 horas de capacitación teórica en temáticas como atención ao cliente, mantemento de instalacións, control de accesos, técnicas administrativas e ofimática.
Ademais da formación teórica, os participantes realizaron 50 horas de prácticas en empresas, o que lles permitiu adaptarse ás necesidades reais do mercado. A formación completouse con asesoramento en habilidades sociais, técnicas de coaching e intelixencia emocional para afrontar entrevistas e fomentar o emprendemento. Mari Carmen Ínsua pon en valor “a implicación das empresas contactadas que solicitaron candidaturas para cubrir postos de traballo e tamén para colaborar na realización das prácticas formativas”.
Persoas seleccionadas
Os equipos técnicos de inserción laboral en Ourense, seleccionaron a 26 persoas: 2 do Concello de O Pereiro de Aguiar, 1 de San Cibrao das Viñas, 5 de O Barco de Valdeorras, 9 de Ourense, 2 de Xinzo de Limia, 1 de O Carballiño, 1 de Vilamartín de Valdeorras, 1 de Verín, 1 de Quintela de Leirado, 1 de Celanova, 1 de Barbadás e 1 de A Merca.
En A Coruña, tamén foron 26 persoas as seleccionadas para formar parte deste programa: 11 persoas de A Coruña, 1 de Abegondo, 1 de Sada, 5 de Arteixo, 3 de Culleredo, 1 de Curtis, 3 de Cambre e 1 de Oleiros.
En Pontevedra participaron 23 persoas: 7 persoas do Concello de Pontevedra, 3 de Marín, 3 de Vilagarcía, 3 de Portas, 1 de Ponte Caldelas, 1 de Moraña, 1 de Vilaboa, 2 de Poio, 1 de Cambados e 1 de Vilanova.
A oficina de COGAMI en Ferrol seleccionou a 25 persoas da bolsa de emprego:7 persoas de Ferrol, 5 de Fene, 1 de Mugardos, 5 de Narón, 1 de Ares, 1 de San Sadurniño, 4 de Neda e 1 de As Pontes.
Todas estas persoas seleccionadas dentro do Programa Integrado son entrevistadas polo persoal técnico de inserción laboral para coñecer as súas capacidades e aqueles aspectos a traballar coa persoa candidata á hora de afrontar un posto de traballo.
Persoas beneficias do programa
José Ramón Romero, natural da Coruña e residente en Abegondo, é unha das 16 persoas inseridas do programa na oficina de COGAMI Coruña. Conta cun certificado de incapacidade laboral para a súa profesión habitual dende o ano 2011, tras ser diagnosticado con patoloxías nas costas aos 33 anos. Hai dous anos, tras coñecer a existencia do servizo de emprego de COGAMI a través dun coñecido, decidiu achegarse para informarse sobre a posibilidade de desempeñar unha nova profesión que non lle afectara á prestación que recibe por esta incapacidade.
O equipo de orientación laboral de COGAMI en A Coruña brindoulle asesoramento e formación para facilitar a súa reconversión profesional, o que permitiu que José Ramón formase parte do programa Integrado de Emprego. Dende entón, realizou diversas insercións laborais cubrindo vacacións e baixas, e tamén completou prácticas nunha empresa interesada na súa contratación. Non obstante, debido á súa situación familiar, tivo que rexeitar esta oferta por incompatibilidade horaria para conciliar o traballo co coidado das súas dúas fillas. “É complicado conciliar porque non podo comezar a traballar antes das 10 da mañá”, comenta.
Aos seus 47 anos, José Ramón mantén o compromiso coa súa formación e preparación profesional, con vistas a acadar unha inserción laboral estable. Defensor dos dereitos das persoas con discapacidade, afirma: "somos persoas normais que nos defendemos como calquera outra". A súa historia exemplifica a importancia de iniciativas que facilitan a inclusión laboral e contribúen a crear oportunidades adaptadas ás necesidades reais das persoas.
Fernando Pita, veciño de Neda, é unha das 15 persoas inseridas a través do programa de emprego que desenvolve a oficina de COGAMI en Ferrol. Hai 14 anos, tras finalizar a súa actividade no sector da hostalería e atoparse en situación de desemprego, decidiu achegarse ao servizo de Emprego de COGAMI na procura de novas oportunidades. Desde entón, participou activamente en diversos programas e formacións, ampliando as súas competencias en sectores variados, o que lle permitiu realizar traballos en áreas como a limpeza viaria, o transporte e a limpeza industrial.
Recentemente, Fernando foi informado pola súa orientadora laboral sobre o inicio do Programa Integrado de Emprego, no que decidiu participar. Describe a súa experiencia no programa como "moi positiva" e destaca especialmente o valor das charlas impartidas por persoas de edicións anteriores, quen compartiron as súas propias vivencias e aprendizaxes.
Aos 54 anos, Fernando recoñece que "con esta idade é máis complicado acceder a un posto de traballo", pero a súa determinación e esforzo déronlle resultado. Dende abril, forma parte do equipo da tenda outlet Pull&Bear no proxecto For&From, unha iniciativa que promove oportunidades laborais para persoas con discapacidade. “Esta é unha oportunidade que serve para subirche a autoestima”, expresaba.
Esta inserción laboral non só representa un paso adiante na carreira de Fernando, senón que reflicte o impacto positivo do programa de COGAMI ao facilitar a inclusión laboral e apoiar a diversidade no mercado de traballo.
Ana Vanessa Rodríguez, natural do Barco de Valdeorras, foi unha das participantes seleccionadas para o Programa Integrado de Emprego en Ourense. Tras obter a incapacidade laboral na súa antiga profesión de comercial no sector da automoción, con 45 anos, enfrontouse ao reto de reorientar a súa carreira. “Era necesario buscar novas saídas profesionais adaptadas á miña situación”, comenta, tras superar unha grave patoloxía lumbar.
Ao poñerse en contacto co Servizo de Emprego de COGAMI, Ana Vanessa soubo do Programa Integrado e decidiu unirse para recibir unha nova orientación laboral. “A orientadora axudoume a analizar a miña situación e atopar un novo enfoque dentro da miña experiencia e formación”, explica. Agora, centrada na docencia, comparte os seus coñecementos colaborando na formación doutras persoas participantes no programa.
“Estes programas son fundamentais, mesmo para a saúde mental, porque fante sentir capaz de novo e abren novas perspectivas laborais cando xa non podes exercer a profesión que tiñas”, conclúe Ana Vanessa, recoñecendo o impacto positivo desta experiencia na súa vida profesional e persoal.
Mª José Álvarez, natural de Pontevedra, é unha das participantes da bolsa de emprego de COGAMI seleccionada para o Programa Integrado. Chegou ao Servizo de Emprego nun momento crucial, cando o programa daba os seus primeiros pasos, e decidiu sumarse para mellorar a súa capacitación de cara á inserción laboral. “Cheguei con poucas gañas de formarme, pero grazas ao apoio da orientadora laboral, completei cinco cursos que pensaba que non podía superar”, conta.
Este verán, Mª José tivo a oportunidade de traballar como controladora de accesos e en atención ao público nun organismo en Pontevedra, unha experiencia que, segundo ela, “foi clave para volver desenvolverme nun posto de traballo”. Con 50 anos e unha ampla experiencia en hostalería, limpeza e alimentación, a súa condición de saúde levouna a buscar novos horizontes profesionais.
O seu paso polo Programa Integrado foi fundamental non só para capacitarse, senón tamén para descubrir novas ferramentas: “É positivo, porque aprendes desde redactar un currículum profesional ata desenvolverte con confianza nunha entrevista de traballo”, conclúe.