COGAMI forma en Vigo a persoas con discapacidade como acompañantes de transporte escolar e axudantes de comedor


COGAMI vén de realizar en Vigo dúas formacións teórico-práctica dirixida a persoas desempregadas con certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para a súa profesión habitual. Ámbalas accións formativas son de Acompañante de transporte escolar e/ou adaptado e de Axudante de comedor + manipulador de alimentos, permitindo realizar prácticas en empresas. 

As dúas formacións desenvolvéronse na sede que COGAMI ten en Vigo, situada na Rúa Teixugueiras nº 15, contando con 55 horas de duración (25 teóricas e 30 prácticas), a de  Acompañante de transporte e de 40 horas de formación a de Axudante de comedor.

Esta iniciativa forma parte do programa Máis Emprego, financiado pola Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo Plus, que ten como obxectivo mellorar a inserción no mercado laboral de colectivos en situación de vulnerabilidade, fomentando a igualdade de oportunidades e a participación activa no ámbito profesional.

Cun enfoque inclusivo, o programa non só busca capacitar en competencias técnicas, senón tamén fortalecer a confianza e a autonomía das persoas participantes, facilitando a súa inclusión no mundo laboral.

As persoas interesadas en participar deben atoparse en situación de desemprego e contar co certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual. Para máis información ou para inscribirse, poden contactar a través do correo silvigo@cogami.gal ou no teléfono 986 281 893.

Galería de imaxes

Todas