COGAMI inicia curso de alfabetización dixital para persoas con discapacidade da comarca do Deza

Descarga nota

COGAMI iniciou un curso de Alfabetización dixital nas instalacións da aula Cemit no Auditorio Municipal de Lalín. Ao longo deste mes, 9 persoas, 5 mulleres e 4 homes, aprenderán a utilizar ferramentas que lles van permitir realizar xestións coas diferentes administracións, ademais de aprender a utilizar o comercio electrónico e mesmo buscar emprego a través das plataformas especializadas.

Esta formación, financiada dentro das actuacións dirixidas á atención de persoas con discapacidade adultas con NEE 2023-24 polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes a través de COCEMFE, entidade a nivel nacional da que forma parte COGAMI, terá unha duración de 60 horas impartidas en horario de 9:30 a 14:00 horas.

No curso abordaranse varios módulos, centrándose na navegación por internet e manexo do correo electrónico, a utilización do procesador de textos e a folla de cálculo. Consistirá en aprender o uso básico e na adquisición de habilidades dixitais que sirvan para poder acadar canto antes a inserción no mundo laboral.

Para poder acceder a esta formación, foi imprescindible que o alumnado, procedente dos concellos de Lalín e A Estrada, tivera en posesión o certificado de discapacidade ou de incapacidade laboral para a profesión habitual. As persoas que iniciaron esta formación están apuntadas na bolsa da área Emprego de COGAMI e buscan capacitarse para inserirse no mercado canto antes. Actualmente na comarca do Deza hai 265 persoas inscritas nesta bolsa como demandantes de emprego, 145 homes e 120 mulleres.

Galería de imaxes

Todas