COGAMI inicia curso en Ferrol no que se forman quince persoas con discapacidade como administrativas

COGAMI inicia curso en Ferrol no que se forman quince persoas con discapacidade como administrativas

As instalacións que ten a COGAMI en Ferrol, (rúa Sánchez Calviño, nº 56-58) acollen un curso de formación no que un total de quince persoas co certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para profesión habitual, estanse a formar sobre Actividades administrativas na relación co cliente.

Esta formación, cunha duración de 818 horas lectivas, consta de contidos teóricos que se imparten de xeito presencial en horario de 9 a 14 horas, e tamén de prácticas profesionais en empresas da contorna, cunha duración de 120 horas, onde o alumnado terá a oportunidade de aportar os coñecementos adquiridos desenvolvéndose nun posto de traballo.

Este curso de Actividades administrativas na relación co cliente corresponde ao Plan formativo para o emprego da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2023-2024, financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e polo Ministerio de Educación e Formación Profesional.

Dirixido a persoas desempregadas, esta formación iniciárona 15 persoas, 10 mulleres e 5 homes, procedentes dos concellos de Ferrol, Narón, Fene, Ares, Mugardos e Vilarmaior, e teñen idades comprendidas entre os 28 e os 58 anos.

Este alumnado terá que formarse en materias como técnicas de recepción e comunicación, operacións administrativas comerciais, a atención ao cliente, xestión administrativa e aplicacións informáticas, ademais de gravación de datos a súa posterior xestión. Outras materias que se contemplan son a lingua inglesa para a xestión e administración na relación co cliente e, antes do inicio das clases prácticas, impartirase un módulo de ofimática sobre sistemas operativos, busca de información e aplicacións informáticas empregadas nas administracións.

Tralo remate das prácticas, o alumnado terá que realizar uns módulos sobre a inserción laboral, sensibilización medioambiental, ademais de en igualdade de xénero e formación para a igualdade. Ao finalizar, recibirán un diploma acreditativo.

Galería de imaxes